Pecha Peral Moda tras 60 anos vestindo ás familias de Pontevedra

Pontevedra
26 de xuño 2018

Pontevedra perde un dos seus establecementos máis emblemáticos. Peral Moda, que abría as súas portas na praza de Curros Enríquez en novembro de 1958, anuncia o seu peche tras case sesenta anos vestindo a varias xeracións de familias pontevedresas

Peral Moda
Peral Moda / Mónica Patxot

Pontevedra perde un dos seus establecementos máis emblemáticos. Peral Moda, que abría as súas portas na praza de Curros Enríquez en novembro de 1958, anuncia o seu peche tras case sesenta anos vestindo a varias xeracións de familias pontevedresas.

O seu dono, Marcos Pérez, explicou a PontevedraViva que a decisión de pechar chega tras "moitos anos de crise". Hai tres anos, mesmo tiveron que acudir a un concurso voluntario de acredores para reestruturar a empresa. "Non foi fácil saír", recoñece, pero finalmente lograron renegociar a débeda cos bancos.

Pero a situación seguiu estando "moi complicada" e as vendas non remontaron. "A mercadoría queda en tenda e as facturas hai que atendelas igual", sinala o empresario, que asegura que estas perdas intensificáronse polas condicións climatolóxicas xa que as campañas "non funcionaron todo o que deberían".

A iso contribuíu, segundo o empresario, que a tenda "non está na mellor zona comercial" ante a presión da hostalería ao seu arredor; e a decisión da Xunta de "cargarse" as rebaixas, que servían para "recuperarnos dunha mala tempada" ao aceptar liberalizarlas e, na práctica, "permitir que haxa rebaixas todo o ano". 

Marcos Pérez, que está á fronte dun equipo de cinco traballadores, recoñece que esta situación é "moi dura" para todos. A súa foi, no seu día, unha pequena tenda que abriron os seus pais e que, co paso dos anos, converteuse nun gran grupo dedicado ao sector téxtil.

Na actualidade, asegura o responsable de Peral Moda, este sector está "moi machucado". Por unha banda, porque as grandes cadeas de moda "acapárano todo" e, por outro, polo cambio de hábitos dos consumidores e as vendas por internet contra as que un establecemento local "non podemos competir".

Pontevedra despedirase moi pronto dun establecemento polo que, segundo lembran os seus propietarios, "pasou media cidade". Pecharán cando liquiden a mercadoría que queda na tenda, á venda xa con descontos do 50%.