Axentes da Policía Local pecharon este sábado un local de Ponte Sampaio onde, segundo informou o Concello de Pontevedra, estaba a celebrarse unha festa á que asistían unhas 200 persoas e na que se incumprían as restricións impostas pola COVID-19.
A portavoz do goberno municipal, Carme da Silva, explicou que os axentes chegaron ao local, situado nas inmediacións da praia fluvial, sobre as doce da noite e constataron a existencia desta festa, na que había música.
Os asistentes, segundo o atestado policial, estaban en grupos de ata quince persoas e non gardaban as distancias de seguridade. A festa incumpría "claramente" a normativa, segundo Da Silva, que aclarou que o local foi denunciado e precintouse o aparello de música.
O Concello, tras proceder á denuncia do local, remitiu a información á Xunta de Galicia para que lles impoña a correspondente sanción económica.
Ademais, a Policía Local tamén presentou denuncia contra un local de lecer nocturno do centro histórico de Pontevedra, aberto na noite do pasado sábado.
Neste caso, segundo o goberno municipal, o establecemento funciona con "aparente normalidade", con xente consumindo no interior e coa música posta, a pesar de que as restricións da COVID-19 impiden esta actividade -coa excepción das súas terrazas-.