Representantes do sindicato CIG realizan desde primeiras horas da mañá deste luns 15 de xuño un encerro no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo.
A mobilización, que se localiza concretamente nas dependencias de Inspección Médica, forma parte dunha acción coordinada nas sete principais cidades galegas para manifestar o rexeitamento da central nacionalista á modificación por parte do goberno de Alfonso Rueda ao fronte da Xunta de Galicia do Plan de mellora e control da incapacidade temporal.
A protesta xorde por mor dos cambios normativos publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 27 de maio, que reforman o protocolo de xestión das baixas vixente desde 2019.
Segundo explicaba Diana Rodríguez, secretaria comarcal da CIG en Pontevedra, a PontevedraViva esta nova instrución outorga un peso maior ás mutuas de accidentes de traballo.
Coa nova regulación, estas entidades privadas dispoñen de mecanismos para axilizar as súas propostas de alta médica ante a Administración autonómica.
"Esta é unha medida que só busca criminalizar as persoas que están en situación de baixa médica, que non soluciona o problema que temos de desmantelamento da sanidade pública e que ao final o que vén a dar é máis poder á mutua", sinala Diana Rodríguez.
A portavoz sindical advirte de que a Xunta xustifica a medida baseándose implicitamente nas listas de agarda e na falta de profesionais do sistema público.
A secretaria comarcal incide en que os traballadores non teñen a obriga legal de asinar estes documentos de consentimento e denuncia que o novo marco normativo facilita que a falta de resposta ou a non comparecencia ante unha citación poida derivar nunha alta médica automática.
"Se ti firmas ese consentimento informado, a mutua pode facerse cargo da xestión e do control da túa baixa por enfermidade común; xa non estás no teu médico de cabeceira, xa non é o Sergas, vai ser a mutua", detalla Rodríguez.

Desde a central alertan de que o control por parte das mutuas pode derivar na transferencia de fondos públicos cara a probas e tratamentos na sanidade privada.
Na delegación de Campolongo atópanse arredor de cincuenta delegados sindicais. A entrada ao edificio desenvolveuse sen incidencias, máis alá da identificación ante o persoal de seguridade, e sen interromper a actividade dos empregados públicos nin dos usuarios que acoden ás oficinas de Inspección Médica.
Os manifestantes teñen previsto manter a súa permanencia no interior das instalacións durante toda a xornada e anuncian que manterán esta campaña para sensibilizar a cidadanía sobre as consecuencias da decisión por parte da Xunta de Galicia.