O concelleiro de Obras, Luis Bará, espera que a parte da obra que afecta aos carrís de circulación da Avenida de Marín estea executada na súa totalidade o próximo 19 de decembro para poder abrilos ao tráfico.
A reforma vai a un "bo ritmo" e engadiu que "somos optimistas e agardamos que estea executada". De calquera modo, comentou o edil "se por calquera motivo iso non se puidera rematar vai a quedar aberto ao tráfico igualmente, iso queda garantido".
O proxecto ten un orzamento de 125.000 euros e están financiadas con cargo ao aval depositado pola empresa, polo que non teñen custo económico para o Concello.
AVENIDA DE COMPOSTELA
En canto á Avenida de Compostela nos próximos días estará rematado o paso de peóns elevado na ponte de Santiago. O luns comezará a construción. O proxecto contempla a creación dun carril-bici ao longo da rúa Rafael Areses e na súa confluencia coa avenida de Compostela.
Para executar o paso de peóns, a Policía Local dende o luns, 1 de decembro, até o vindeiro 12 de decembro, pechará un carril en cada sentido na Ponte de Santiago, a esa altura. E en función das intensidades circulatorias e co propósito de manter a fluidez da circulación rodada pódense producir desvíos puntuais cara outras pontes próximas.
O concelleiro de obras urbanas, Luís Bará, acompañado dos técnicos municipais visitou as obras que executa a empresa Ediserpo por uns 123.000 euros de presuposto. Luis Bará recordou que neste vial se construirán tres pasos de peóns e se reformarán os xa existentes en zigzag.