Obras de mellora da accesibilidade na Seca e na avenida de Compostela

Pontevedra
16 de decembro 2014

O concelleiro de Obras, Luís Bará visitou este martes estes arranxos

Paso elevado na ponte de Santiago
Paso elevado na ponte de Santiago

O Concello de Pontevedra executa nestes momentos traballos de mellora nos accesos do barrio da Seca. O concelleiro de Obras, Luís Bará visitou este martes estes arranxos necesarios e derivados das obras do Tren do Eixo Atlántico e da cuberta realizada na zona.

Son melloras valoradas en 35.000 euros que consisten na mellora da seguranza viaria e da accesibilidade no ámbito da nova cuberta do barrio.

Estase a executar a pavimentación e ensanche do Camiño da Vía.

Tamén se está a construír unha beirarrúa neste mesmo camiño, ademais de mellorar o pintado do estacionamento e de derribar unha marquesiña de formigón que había no lugar, o que mellora a accesibilidade neste ámbito.

Logo de visitar o barrio da Seca, o concelleiro comprobou como avanzaban as obras de mellora da seguranza viaria na avenida de Compostela.

Comprobou como o paso de peóns elevado entre a avenida e Rafael Areses -no remate da Ponte de Santiago-, xa está rematado e pintado en parte, dado que está pendente de pintar o espazo do carril bici.

A chuvia destes días e o frío intenso ralentizaron estes labores que poderán rematar ao longo desta semana ou na semana que vén. O único que está pendente é o carril bici que está pintado só nun tramo da rúa Rafael Areses.

OBRAS PARA DESPOIS DO NADAL

Debido á proximidade das festas de Nadal (e ante o paro do sector da construcción), a concellaría acordou para deixar para despois de Reis a pavimentación e a mellora da accesibilidade na avenida de Uruguai -entre as pontes do Burgo e das Correntes-, e a construción dos pasos de peóns en Domingo Fontán.

Tamén dentro da carteira de mobilidade urbana, o Concello executou nestes días unha rotonda entre as rúas Loureiro Crespo e Casimiro Gómez que permite acceder dende Doce de Novembro e José Malvar até a rúa Antón Fraguas.

Até este martes este acceso estaba prohibido e estaba previsto incluílo dentro do proxecto de reforma de Loureiro Crespo, diante do Hospital. Esta reordenación da mobilidade na zona permitiu habilitalo antes e mellorar o acceso rodado na zona, especialmente cara aos servizos de urxencia do Hospital Provincial.