Tras o Nadal, volven as obras a Pontevedra

Pontevedra
10 de xaneiro 2015

O Concello deu orde de retomar o luns 12 de xaneiro as obras paralizadas durante a época do Nadal. Continuaranse proxectos como a reparación da Avenida de Marín e iniciaranse obras novas como a pavimentación da Avenida de Uruguai

Traballador nas obras da rúa Santa Clara
Traballador nas obras da rúa Santa Clara / Mónica Patxot

Fin ao período de descanso nas obras urbanas da cidade de Pontevedra, que se ordenara para facilitar a mobilidade durante as datas do Nadal.

O Concello deu orde ás empresas de construción que executan proxectos na cidade de retomar a súa actividade a partir do luns 12 de xaneiro.

Desta forma continuaranse obras como a reparación da Avenida de Marín, o desdobramento da Avenida de Vigo ou as melloras previstas na Praza de Ourense ou no Camiño da Vía, na Seca.

A próxima semana tamén iniciaranse novas obras no espazo urbano, como a mellora da accesibilidade en Domingo Fontán, a pavimentación da Avenida de Uruguai e González Besada ou a eliminación de barreiras entre as rúas Pastor Díaz, Riestra e Oliva.

No caso da Avenida de Uruguai, ademais do asfaltado proxectado iniciarase a retirada de semáforos prevista en varios pasos de peóns, nos que ademais se eliminarán barreiras arquitectónicas.