A pedalada organizada o último xoves de cada mes pola colectivos Masa Crítica e Pedaladas de Pontevedra tivo esta semana un 'extra', unha pedalada nocturna familiar de 8,2 quilómetros que se enmarca nas actividades da Semana Europea da Mobilidade 2017.
Este venres, varias decenas de persoas sumáronse á iniciativa, da que un dos seus organizadores, Quique Pérez, explica que o principal obxectivo é reivindicar máis vías ciclistas, pois a cidade de Pontevedra leva dous anos sen inaugurar unha vía ciclista nova e hai un grupo grande de persoas que non son deportistas e, por tanto, cústalles desprazarse en bicicleta entre os coches e que demandan viarios específicos.
"Deberían tener un vial nuevo para desplazarse en bicicleta y, por ejemplo, llegar a Monte Porreiro o Cerponzóns o acceder a la senda del Gafos desde el puente de Os Tirantes. No solo hay que pensar en los deportistas que van por la calzada", indicou Quique Pérez antes da marcha.
A pedalada percorreu rúas do centro co tráfico acougado e tamén a rede ciclista de Pontevedra para poñer en valor a importancia destas vías en tanto permiten o uso da bicicleta a persoas de todas as idades e condición física. Aínda que reclaman máis vías ciclistas, os responsables da actividade recoñecen que a rede ciclista da cidade é pequena, pero "de boa calidade". Agora o obxectivo é que creza para que comunique o centro de preferencia peonil coas parroquias e outros municipios.