Pedra e adoquín para a "transformación radical" de Roxelio Landeiro e da baixada cara a Ponte Sampaio

Soutomaior
16 de novembro 2025

É unha zona que presenta, segundo o alcalde, un "evidente estado de deterioro" e ademais, debido ao tráfico de vehículos e ausencia de beirarrúas "dignas", supón unha "hipoteca" para Arcade

Proxecto para a reforma da Rúa Roxelio Landeiro
Proxecto para a reforma da Rúa Roxelio Landeiro / Concello de Soutomaior

O goberno municipal de Soutomaior está decidido a seguir avanzando na humanización dos principais espazos públicos de Arcade.

Desta volta, as obras chegarán á Rúa Roxelio Landeiro e a todo o ámbito urbano que conforma a baixada cara a Ponte Sampaio.

Esta "transformación radical", como a definiu o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, será financiada polo Plan Extra da Deputación de Pontevedra.

Será posible despois de que a Xunta ceda ao Concello este treito da actual PO-264.

A estrada é unha rúa que presenta, segundo Lourenzo, un "evidente estado de deterioro" e ademais, debido ao tráfico de vehículos e ausencia de beirarrúas "dignas", entende que supón unha "hipoteca" para o desenvolvemento de Arcade.

Proxecto para a reforma da Rúa Roxelio Landeiro
Proxecto para a reforma da Rúa Roxelio LandeiroConcello de Soutomaior

A actuación proposta implica converter e transformar ese espazo nun núcleo urbano acorde á contorna, a ponte de Ponte Sampaio.

O pavimento terá materiais nobres como pedra e adoquín e conforme se vaia achegando a Arcade vaise a producir unha transición entre o que é a zona histórica e a zona máis moderna.

Nesta última haberá un tratamento urbano marcado por elementos verdes, plataforma única e mobiliario urbano, para favorecer a vida das persoas "fronte ao caos do tráfico actual".

"Con esta actuación continuamos coa transformación urbana de Arcade", sostivo o alcalde, que quere que Soutomaior "non quede atrás" e poida contar con espazos "sostibles e agradables".

O rexedor tamén quixo agradecer o traballo dos funcionarios, técnicos e todas as persoas que están traballando "sen descanso", para sacar adiante esta transformación urbana, xa que na actualidade, lembrou, "temos na rúa máis de 4 millóns de euros en obras".

Proxecto para a reforma da Rúa Roxelio Landeiro
Proxecto para a reforma da Rúa Roxelio LandeiroConcello de Soutomaior
Proxecto para a reforma da Rúa Roxelio Landeiro
Proxecto para a reforma da Rúa Roxelio LandeiroConcello de Soutomaior