Este martes 24, a pesar dos chuvascos, celebrábase Xogarrúas, un desfile de promoción das actividades que se van a levar a cabo con motivo da segunda edición do campionato Xogos na rúa Efecto PO2, que se celebrará durante os días 11 e 12 de xuño en oito barrios de Pontevedra.
O desfile deste martes ofrecía actividades con pelotas xigantes, panos e cordas ao longo de tres paradas nas que participaba o público infantil libremente acompañado por monitores.
O percorrido iniciábase na Praza da Cítara, primeira parada do roteiro, para despois baixar pola rúa Estrada ata a pasarela Doce de novembro, onde se realizaba unha segunda parada con propostas divertidas como saltos á corda, ou xogos do pano cos participantes converténdose en distintos personaxes como robots ou elefantes. A festa finalizaba en Loureiro Crespo á altura da céntrica Praza do Hospital.
O vindeiro sábado 28 de maio, con motivo do Día Internacional do Xogo, de 11.00 a 13.00 horas realizaranse novas actividades de Xogos na Rúa en tres barrios: na pista de skate de Mollavao, en Raíña Vitoria no barrio da Moureira-San Roque e no paseo do Miradoiro de Monte Porreiro.
Con estas actividades, a concellería de Promoción da Cidade, dirixida por Anabel Gulías, busca que se desenvolvan iniciativas nos espazos públicos a través de xogos tradicionais para establecer puntos de encontro lúdicos tanto para menores como para adultos.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.