Pensionistas de UXT e CC.OO seguirán a concentrarse para que o goberno de Pedro Sánchez os teña en conta

Pontevedra
01 de outubro 2018

Este martes 2 de outubro convocan a unha concentración ante a Subdelegación do Goberno ás 12.00 horas. Piden traballos dignos para que as pensións sexan dignas e que se poñan en marcha medidas necesarias para garantir a sostenibilidade do sistema público de pensións

Representantes das seccións de xubilados de CC.OO e UXT
Representantes das seccións de xubilados de CC.OO e UXT / PontevedraViva

Este martes 2 de outubro ás 12.00 horas, pensionistas convocados polos sindicatos Comisións Obreiras e UXT van concentrarse ante o edificio da Subdelegación do Goberno de Pontevedra. 

Os secretarios comarcais de xubilados destes dous sindicatos, Luís Camiña e Marisa Domínguez, incidiron este luns en que o 25% do sustento da maioría de familias de España atópase neste sector da poboación. 

Marisa Domínguez afirmou que o Partido Popular, cando se atopaba no goberno, humillou ao colectivo de pensionistas co incremento de tan só o 0,25% e bloqueando o Pacto de Toledo. Fan un chamamento á poboación de máis de 40 anos para que se somen a estes actos de protesta, sinalando que son os que deben mirar polo futuro das pensións.

Piden, entre outras medidas, que se recupere o índice de revalorización das pensións, esixen unha renda mínima estatal, reivindican a derrogación das reformas e freo dos recortes, que se potencien os servizos de saúde pública e garantir unha prestación efectiva das persoas dependentes que non se atopan protexidas.

Reclaman ao goberno de Pedro Sánchez un cambio de políticas económicas e sociais que permitan mellorar os salarios para que as pensións sexan dignas.