Pepa Pardo culpa o PSOE de que a feira abandonara a Alameda por ceder o "poder de decisión" a Lores

Pontevedra
06 de setembro 2023

O Partido Popular presentou varias emendas á proposición socialista de modificación puntual da Ordenanza que regula o mercado ambulante, que data do ano 1997, para facer viable que a feira se estableza na Alameda, atendendo ás demandas dos vendedores ambulantes, que volven reclamar diálogo ao goberno local

Protesta dos vendedores ambulantes no pregón PontevedraViva

Pepa Pardo, concelleira do Partido Popular, anunciaba este mércores a presentación de emendas do seu grupo municipal á proposición socialista de modificación puntual da Ordenanza que regula o mercado ambulante. Trátase dunha disposición do ano 1997. 

A proposición socialista busca que o mercado ambulante permaneza na Alameda, atendendo á demanda dos vendedores ambulantes.

Os populares sinalan que é necesaria a proposta popular para delimitar as competencias da materia no pleno e, desta forma, evitar que "quede en mans do alcalde", unha situación que se produce ata o de agora.

A concelleira popular lamentou as "improvisacións" do PSOE durante o anterior mandato e sinalou que "o PSOE non debe enganar os pontevedreses". Lembrou que Yoya Blanco, cando era concelleira do grupo de goberno en abril, tramitou a nova ordenanza en 2023, con apoio do BNG. Nesa ordenanza figura a rúa Rafael Areses como a localización para a feira en lugar da Alameda, apuntou a representante do PP.

Pardo acusou os socialistas de ignorar as alegacións do PP cando alertaba de que aquela decisión permitía ao alcalde reverter a situación devolvendo a feira a Rafael Areses."O PSOE é cómplice do BNG", afirmou Pepa Pardo insistindo en que Lores continúa na alcaldía grazas aos socialistas.

No próximo pleno ordinario, os populares teñen previsto apoiar a modificación puntual da Ordenanza de 1997 pero establecendo que o pleno sexa o órgano competente de maneira definitiva e a xunta do goberno local será responsable para facer cambios de maneira provisional en situacións excepcionais.

Ademais, Pepa Pardo apuntou que estudan a posibilidade de utilizar unha base artificial durante o inverno na Alameda de Pontevedra para evitar que se embarre todo o recinto e puxo como exemplo deste sistema cidades como Londres ou París.

POSICIÓN DO BNG

O goberno do BNG, segundo indicou Eva Vilaverde, mantén que non existe novidade sobre esta cuestión e a proposta da administración local segue sendo o traslado á avenida de Bos Aires, diante do Mercado municipal.

Vilaverde manifestou que o BNG analizará en comisión as modificacións que se presenten á Ordenanza para pronunciarse sobre elas.

VENDEDORES AMBULANTES

Pola súa banda, a Asociación Galega de Ambulantes segue reclamando unha reunión urxente co alcalde e coa actual concelleira de Promoción Económica. Lembran que non son grandes empresas e que teñen dereito a ser escoitados.

insisten na Alameda como espazo habitual para a celebración da feira ao entender que funciona como un motor económico tamén para a cidade. "Non somos nin máis nin menos que ninguén, e un goberno debe atender as solicitudes das asociacións sen ter en conta a cor política, a conta corrente ou o grao de amizade dos que o solicitan", apuntan os ambulantes.

Por último, preguntan ao goberno local que alternativa propoñen para a celebración da feira durante a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon xa que a avenida de Bos Aires e Rafael Areses tamén serán ocupadas pola proba deportiva.