Unha persoa resulta ferida tras a explosión dunha bombona de butano en Marín

23 de xaneiro 2026
Actualizado: 20:44

Segundo relataron testemuñas presenciais, o ferido, un home de 45 anos, tentou cortar a bombona de butano cunha serra radial crendo que o recipiente xa non contiña gas no seu interior.

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo Mónica Patxot

Unha persoa resultou ferida este xoves pola tarde tras a explosión dunha bombona de butano no lugar do Castro, na parroquia de Seixo, en Marín.

Segundo informou o 112 Galicia, sobre as 17:35 horas un particular alertou os servizos de emerxencia tras a explosión, que tivo lugar no exterior da vivenda.

De inmediato, desde a sala de operacións do 112 mobilizáronse o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros do Morrazo e a Policía Local de Marín.

Os equipos desprazados ao lugar indicaron que o afectado estaba a manipular a bombona cando esta explotou.

Tras recibir asistencia no propio lugar, a persoa foi trasladada ao Hospital de Montecelo para continuar co seu tratamento médico.

As autoridades investigan as circunstancias que provocaron o accidente, que afortunadamente non deixou máis feridos.

Segundo relataron testemuñas presenciais, o ferido, un home de 45 anos, tentou cortar a bombona de butano cunha serra radial crendo que o recipiente xa non contiña gas no seu interior.