Continúa o conflito laboral en Ambulancias Civera, a empresa concesionaria do servizo de transporte sanitario programado e dos traslados intrahospitalarios na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Este mércores, desde primeiras horas da mañá, o persoal da empresa liderado por Xavier Aboi, secretario comarcal da FGAMT-CIG, concentrábase primeiro no exterior das instalacións hospitalarias coas ambulancias e, a continuación, encerrábanse nos corredores de acceso aos despachos da xerencia como medida de protesta.
Reclaman unha reunión urxente co xerente José Flores, para tratar de atopar unha solución á falta de pagamento do salario por parte da empresa que, segundo a CIG, só pagou unha parte da nómina do mes de decembro.
Xavier Aboi insiste en denunciar que Ambulancias Civera incumpre tanto o prego de condicións do concurso como o convenio colectivo. Afirma en que a dirección da empresa xa adiantou que non resolverá a débeda porque carece de cartos.
O persoal considera que a xerencia da área sanitaria e o SERGAS son cómplices desta situación e demandan unha intervención que permita rescatar a concesión do servizo. A empresa, pola súa banda, xa recoñeceu publicamente que o concurso do transporte sanitario "foi deficitario desde o principio".
Os empregados manifestábase con carteis denunciando a situación de impago: "Civera puferos, paga o que debes" e "Ambulancias Civera non paga. SERGAS cómplice", á espera dunha resposta por parte da dirección sanitaria.
REUNIÓN CO XERENTE
Finalmente o xerente José Flores recibía ao comité de empresa de Ambulancias Civera nun encontro "cordial", segundo a xerencia, cos traballadores, que lle manifestaron o malestar por non recibir o total de salario de decembro por parte da empresa concesionaria do transporte sanitario.
O xerente comprometeuse a comunicar, tanto por escrito como verbalmente, á empresa a obriga do pago das nóminas, tal e como figura no prego de condicións do contrato co SERGAS, e a velar polo estrito cumprimento do contrato. Flores explicou que Ambulancias Civera xa suma numerosas sancións por parte da administración autonómica ante o incumprimento do contrato.
Tras o encontro, o persoal mantivo unha asemblea ao redor das 14.00 horas ás portas do Hospital Montecelo. Nela decidían continuar coas protestas ata que non perciban a nómina completa, segundo informa a CIG.