Poucas persoas, agás se son veciñas de Cotobade, saben o que é o petote.
Trátase dun alimento de épocas de escaseza. Un recurso para encher o estómago cos limitados recursos dos que dispuña os fogares humildes.
Un petote é un bolo de pote, tamén chamado pelouro ou petelo.
Trátase dunha masa de fariña de millo de forma redondeada, en porcións do tamaño dunha pataca, que se coce na auga do cocido para comelo xunto cos demais ingredientes.
Nalgunhas receitas tamén lle engaden unha proporción menor de fariña de trigo ou de centeo e hai quen o enche de chourizo, touciño ou xamón antes de botalos á pota.
Coincidindo coa celebración do Entroido o concello de Cerdedo-Cotobade celebra a Festa do Petote, que este ano vivirá a súa décimo quinta edición para reivindicar este produto da cociña tradicional galega.
O domingo 16 de febreiro será o día desta Festa na que participarán como colaboradores 8 establecementos hostaleiros e contará cunha degustación popular na Praza da Chan, a partir das 12:30 horas, amenizada pola Charanga Louband que xa media hora antes percorrerá as rúas de Carballedo animando á veciñanza a participar na exaltación deste produto gastronómico.
Os establecementos hostaleiros colaboradores ofrecerán un cocido completo a base de costela, lacón, chourizo de carne e ceboleiro, patacas, verdura, cabeza, petote e sobremesa a un prezo común de 25 euros por persoa.
Nesta ocasión participan como establecementos colaboradores os seguintes: A de Tucho (Augasantas-670 971 785), Casa Blanco (Rebordelo-645 922 996), A Vosa Taberna (Borela-986 763 044), Mesón Casa Perdiz (Aguasantas-649 732 485), A de Yoli (Tenorio-674 404 506), O Comareiro (Cerdedo-986 954 944), Bar Obélix (Tenorio-986 061 000) e O Castiñeiro (Pedre-670 434 498).