Piden ao Estado construír dúas rotondas no paso da N-550 por Barro

Barro
11 de novembro 2021

O BNG solicita que se constrúa no ano 2022 unha rotonda no cruzamento da N-550 coa estrada EP-0506, que une A Portela con Curro. O outro punto no que pide unha rotonda é en Porráns, no cruzamento da N-550 coa estrada PO-226 cara Moraña e Cuntis

Cruzamento da N-550 coa estrada cara Curro, en Barro
Cruzamento da N-550 coa estrada cara Curro, en Barro /

Mellorar a seguridade viaria na N-550 ao seu paso por Barro. É o que pide o BNG ao Goberno central nas emendas aos orzamentos xerais do Estado que van a presentar os nacionalistas.

En concreto, solicitan unha partida de 1,5 millóns de euros para eliminar dous puntos negros nesta estrada coa construción de dúas rotondas.

 O BNG solicita que se constrúa no ano 2022 unha rotonda no cruzamento da N-550 coa estrada EP-0506, que une A Portela con Curro.

Aseguran que a "escasa visibilidade" dese punto ten como consecuencia que sexa un cruzamento "moi perigoso" e que cómpre solucionar de xeito urxente.

O outro punto no que o BNG solicita a construción dunha rotonda é en Porráns, no cruzamento da N-550 coa estrada PO-226 cara Moraña e Cuntis.

Este, segundo os nacionalistas, é outro "punto conflitivo" no que conflúen a diario milleiros de vehículos e no que se fai necesario que o Estado "actúe de forma decidida". Hai anos, recordan, instalouse un sistema de cruzamento intelixente "que foi todo un fracaso".

A N-550, de titularidade estatal, é unha das principais estradas galegas e no seu paso polo concello de Barro causa, advirte a formación, "trastornos que cómpre solucionar canto antes para evitar máis accidentes".