Piden permiso para unha manifestación o Venres Santo polas melloras no PAC de Baltar

Sanxenxo
01 de abril 2017

Medio cento de persoas acudiu o pasado xoves a unha reunión convocada pola Plataforma Veciña Sanxenxo en Marcha para explicar a situación actual do servizo no Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar

Reunión veciñal pola situación do Centro de Saúde de Baltar
Reunión veciñal pola situación do Centro de Saúde de Baltar

Medio cento de persoas acudiu o pasado xoves a unha reunión convocada pola Plataforma Veciñal Sanxenxo en Marcha para explicar a situación actual do servizo no Punto de Atención Continuada (PAC) de Baltar.

Representantes dunha ducia de asociacións do municipio acudiron á cita, na que un pediatra xubilado do centro de saúde de Portonovo informou dos puntos para mellorar na instalación.

Entre esas cuestións atópase a non cobertura das vacantes por xubilación ou baixas no persoal, que afectan o servizo que se presta aos pacientes.

A plataforma solicita ao Sergas que se destinen tres pediatras a Baltar, dous de mañá e un de tarde, para contar cun servizo continuado de 8:00 a 22:00 horas. Ademais critica que durante o verán, cando Sanxenxo duplica a súa poboación, o aumento no persoal se limite "a dous médicos e unha enfermeira" e tamén o feito de perder a ambulancia medicalizada que contaba coa súa base no municipio durante todo o ano cando se creou o 061.

Por todo iso Sanxenxo en Marcha decidiu continuar cunha recollida de sinaturas e solicitar permiso á Subdelegación do Goberno para realizar unha manifestación de protesta o vindeiro venres 14 de abril ás 12:00 horas con saída desde o Concello atravesando Silgar e concluíndo ante o centro de saúde de Baltar.