Piden unha reunión coa Xunta para buscar solución ás inundacións en Cuntis

Umia
31 de xaneiro 2016

Todos os grupos da corporación municipal acordaron solicitar unha reunión á conselleira de Medio Ambiente e esixir a realización dun estudo "serio" sobre as causas e posibles solucións aos desbordamentos do río Gallo que, principalmente, afectan á rúa Bernardo Sagasta

O río Gallo ao seu paso polo centro de Cuntis o 8 de xaneiro
O río Gallo ao seu paso polo centro de Cuntis o 8 de xaneiro / PontevedraViva

A totalidade dos grupos que compoñen a corporación municipal de Cuntis acordaron no último Pleno solicitar unha reunión á Consellería de Medio Ambiente para tratar o problema das repetidas inundacións na vila, coa crecida do río Gallo.

A intención ademais é solicitar unha axuda económica para realizar obras que eviten danos en caso de novos desbordamentos na zona máis afectada, a rúa Bernardo Sagasta, segundo recolle a moción presentada por Veciñanza e que foi aprobada no Pleno.

Á reunión pretenden acudir o alcalde, Manuel Campos, e os portavoces do resto de grupos municipais, que queren esixir que se realice un "estudo serio" sobre as inundacións.

Con todo, no Pleno existiron discrepancias entre os grupos polas críticas á reforma en Bernardo Sagasta e en relación ao Mapa de Perigosidade e Risco de Inundacións elaborado pola administración autonómica, que non inclúe esta rúa como zona de risco a pesar de ser a máis afectada cando a canle do río se desborda.