A totalidade dos grupos que compoñen a corporación municipal de Cuntis acordaron no último Pleno solicitar unha reunión á Consellería de Medio Ambiente para tratar o problema das repetidas inundacións na vila, coa crecida do río Gallo.
A intención ademais é solicitar unha axuda económica para realizar obras que eviten danos en caso de novos desbordamentos na zona máis afectada, a rúa Bernardo Sagasta, segundo recolle a moción presentada por Veciñanza e que foi aprobada no Pleno.
Á reunión pretenden acudir o alcalde, Manuel Campos, e os portavoces do resto de grupos municipais, que queren esixir que se realice un "estudo serio" sobre as inundacións.
Con todo, no Pleno existiron discrepancias entre os grupos polas críticas á reforma en Bernardo Sagasta e en relación ao Mapa de Perigosidade e Risco de Inundacións elaborado pola administración autonómica, que non inclúe esta rúa como zona de risco a pesar de ser a máis afectada cando a canle do río se desborda.