Piden á Xunta unha partida orzamentaria específica para reformar o CPI Aurelio Marcelino Rey García

Umia
29 de outubro 2025

O Concello de Cuntis denuncia a falta de dotación concreta nos orzamentos autonómicos para esta reforma e lembra as xestións realizadas ante a Consellería de Educación

CPI Aurelio Marcelino Rey García Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis afirma que leva impulsando, ao longo deste mandato, diversas xestións co obxectivo de desbloquear a reforma do CPI Aurelio Marcelino Rey García, unha demanda histórica que se remonta a máis de quince anos.

O goberno municipal lamenta que, malia os reiterados contactos, a reforma do colexio non dispón dunha partida específica nos Orzamentos da Xunta de Galicia, incluíndose, segundo o executivo local, nun capítulo xenérico do investimento educativo.

O alcalde, Manuel Campos, reivindica que desde marzo de 2024 se solicitaron múltiples reunións coas autoridades autonómicas. Inicialmente, mantívose un encontro co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, quen orientou ao Concello a dirixirse á Consellería de Educación. Esta derivou finalmente a negociación coa Secretaría Xeral, sen que o conselleiro aceptase abordar persoalmente a cuestión, segundo denuncia o rexedor.

Campos precisa que o primeiro encontro clave, coa intervención do secretario xeral técnico de Educación, Manuel Vila López, tivo lugar o 18 de outubro de 2024, acadando o compromiso por parte da Xunta de redactar un proxecto técnico de reforma para que poida ser dotado de orzamento.

Posteriormente, en setembro deste 2025, solicitouse unha nova reunión que se celebrou o 22 de outubro, onde se facilitou ao Concello o proxecto necesario para tramitar a licenza municipal de obras.

O Goberno municipal resalta que informou puntualmente destes avances tanto á directiva do centro como á cidadanía e que continúa reclamando investimentos, levando a cabo ao longo dos anos traballos de mantemento e mellora nas instalacións do CPI.

O PP afirmou nos últimos días que asumíu o liderado para que a Xunta afrontase estas obras ante a "absoluta inacción" do alcalde que, segundo aseguraban, nin se reuníu co conselleiro nin trasladou esta demanda formal polas canles oficiais.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, no seu despacho. Concello de Cuntis

Manuel Campos insiste en que as críticas da voceira do Partido Popular carecen de fundamento e alerta sobre as declaracións que, ao seu xuízo, buscan confundir á veciñanza.

A necesidade da reforma vén motivada polas graves deficiencias do centro, especialmente na fachada e na cuberta, afectados por desprendementos, como o ocorrido na entrada principal en novembro de 2021.

O goberno local demanda que a Xunta de Galicia inclúa unha partida orzamentaria propia para garantir a execución desta obra, tal e como acontece noutros centros educativos da provincia.