Pilar Martínez Soto, a veciña do Sartal que será a pregoeira das Festas de San Xoán

Poio
03 de xuño 2025

Dende o Concello de Poio apostan por escoller como pregoeiras das súas principais festas a persoas cunha vinculación real e directa co municipio e coa tradición do San Xoán

Pilar Martínez, pregoeira das Festas de San Xoán 2025 Concello de Poio

As Festas de San Xoán 2025 xa teñen pregoeira. Será Pilar Martínez Soto, veciña do Sartal, a que marcará o inicio unha das citas máis esperadas e emblemáticas do calendario festivo de Poio, que se celebrará entre os días 22 e 27 de xuño.

Esta muller, destaca o goberno municipal, representa unha figura moi querida e vinculada á vida cultural, social e educativa do municipio. Filla de tres xeracións de taberneiros, pola súa casa pasaron practicamente todos os veciños de Poio.

Profesora de Educación Infantil, comezou a súa traxectoria facendo prácticas no CEIP Isidora Riestra, pero foi no CEIP de Chancelas onde finalmente conseguiu praza fixa, centro no que continúa a desenvolver a súa vocación docente.

O seu vínculo co San Xoán vén de moi atrás, dende a infancia, cando o entorno do mosteiro era o seu centro cultural e o corazón das festas.

Para Pilar, San Xoán significa música, diversión, gaiteiros, comidas especiais e fogueiras.

Lembra con emoción os carros que percorrían pola noite as rúas facendo trasnadas e as casas cheas de xente grazas á chegada dos "festeiros", pero un dos seus recordos máis vivos está ligado ás herbas de San Xoán.

Foi a nai da curandeira que a asistiu no parto quen lle transmitiu a paixón pola recollida das herbas para facer o cacho, unha tradición que ela mantivo toda a vida e que soubo contaxiar a novas xeracións.

"Aínda cando non vivía en Poio sempre volvía polo San Xoán", confesa unha pregoeira para quen este recoñecemento "supón unha auténtica satisfacción e un orgullo, pero tamén unha gran responsabilidade e un reto".

Dende o Concello de Poio apostan por escoller como pregoeiras a persoas cunha vinculación real e directa co municipio e coa tradición do San Xoán, poñendo en valor a veciñas e veciños que, de forma directa ou indirecta, contribúen a manter viva a identidade e a memoria colectiva do pobo.