Mellorar e adecentar as rúas, estradas e pistas de Caldas para manter os niveis funcionais desexables dos pavimentos e favorecer unha maior seguridade viaria e comodidade circulatoria. Este é o obxectivo do novo programa municipal posto en marcha polo Concello, centrado no bacheo do vías públicas.
A concellería de Obras contratou a actuación á empresa caldense Garocaprim SL, que foi a adxudicataria dun contrato que ten un orzamento de 11.549 euros.
As obras comezaron o luns na zona da Tafona, no casco urbano, e continuaron polas parroquias de Godos e Arcos da Condesa; por Tibo, na parroquia de Santa María; e pola parroquia de San Andrés.
Ao longo das próximas xornadas estenderanse ao resto do termo municipal, pois busca reparar imperfeccións na rede de estradas de todo o municipio e acondicionar pequenos treitos con fochancas e en mal estado de conservación.
O concelleiro de Obras, Manuel González, explicou que o plan "reflicte o compromiso do goberno municipal coa mellora, a conservación e a posta en valor do conxunto da rede viaria do concello".
A súa posta a punto é un dos grandes obxectivos que anualmente se marca o goberno municipal e unha das grandes necesidades da veciñanza, dado que Caldas é un concello con moitos quilómetros de pistas interiores e moitas destas vías, especialmente no rural, son esenciais para que os cidadáns poidan acceder aos seus núcleos de residencia.