O Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra mobiliza esta semana 1,4 millóns euros para oito concellos

Pontevedra
14 de febreiro 2025

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López informou dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Provincial este venres

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López informou que a Xunta de Goberno Provincial aprobou este venres destinar 1,4 millóns de euros para que oito concellos impulsen novos investimento, afronten gasto corrente e contraten a 98 persoas ao abeiro das tres primeiras liña do Plan +Provincia 2025.

En concreto, na liña 1, de investimentos, aprobáronse 170.000 euros para A Guarda e Ponte Caldelas. Pola súa banda, Silleda recibirá 74.578 euros da liña 2, de gasto corrente. Ademais, no marco da liña 3, de emprego, a Deputación aprobou preto de 1,2 millóns de euros para que os concellos de Covelo, Marín, Redondela, Silleda, Tomiño e Vilagarcía poidan contratar a 98 persoas desempregadas.

Luis López indicou que neste reparto de fondos do +Provincia a Deputación xa leva distribuídos 5,6 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

O goberno provincial tamén acordou destinar 275.000 euros ao plan +Convivencia, que pon a dispor das entidades sen fins de lucro un catálogo de actividades e roteiros, que inclúen 229 actividades de diferentes tipos. O orzamento para este plan incrementouse un 25% con respecto a 2024 destinando así ata un máximo de 1.200 euros por entidade de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais, culturais ou ANPAS que o soliciten a partir do 1 de marzo.

A Deputación de Pontevedra tamén pon en marcha tres liñas de axudas en materia de turismo. A primeira é para actividades de carácter turístico á que destina 80.000 euros. Subvencionarase un máximo de 5.500 euros por proxecto e non poderán exceder do 70% do orzamento do mesmo. As actividades terán que desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro para "promover e estimular o sector turístico, a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade e divulgar os recursos turísticos da provincia".

Outra liña de axudas, dotada con 100.000 euros, está destinada a apoiar a celebración de eventos deportivos de interese turístico "relevantes e cunha importante proxección mediática exterior", cun máximo de 9.000 euros por entidade e sempre que non supere o 40% do custo total da actividade.

A terceira e última liña de achegas, con 280.000 euros, está dirixida a financiar a prestación e atención de servizos de información e atención ao público nas 31 oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas, e tamén a sufragar aos salarios dos profesionais que os atenden.

Luis López tamén deu conta da aprobación de 150.000 euros en axudas á dinamización da língua galega para que os concellos de menos de 50.000 habitantes e entidades culturais desenvolvan certames literarios e xornalísticos, feiras ou actividades de fomento do galego.

Tamén se mobilizan 170.000 euros para que entidades sen ánimo de lucro desenvolvan festivais musicais e de artes escénicas e outros 170.000 para apoiar a organización de festivais ou certames cinematográficos. Ambas iniciativas terán que dedicar especial atención á programación en galego.

Outra iniciativa aprobada este venres na Xunta de Goberno foi unha nova edición do + Escénicas. Este circuíto de apoio á programación de artes escénicas en galego nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia poñendo a súa disposición un catálogo con artistas galegos de Teatro e Danza. Luis López destacou que esta iniciativa tivo un "grande éxito" o pasado ano con case 300 espectáculos en 49 concellos.

Por último, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de 550.000 euros do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que os concellos de Forcarei, A Guarda, Meis, Ponte Caldelas e As Neves realicen melloras en  diferentes equipamentos deportivos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora