O Plant Fest transforma a Alameda nun gran escaparate da ecoloxía e a sustentabilidade

Pontevedra
24 de maio 2026
Actualizado: 13:08

Miles de persoas achegáronse ao recinto durante o sábado para participar nun festival que mestura natureza, divulgación e lecer nun ambiente festivo e aberto á cidadanía

PlantFest, o festival da cultura verde, na Alameda

A Alameda de Pontevedra acolleu este sábado a celebración da terceira edición do Plant Fest, unha cita que xa se consolida como un dos encontros máis singulares arredor da ecoloxía, as plantas e os hábitos sostibles na cidade.

Miles de persoas achegáronse ao recinto durante a xornada para participar nun festival que mestura natureza, divulgación e lecer nun ambiente festivo e aberto á cidadanía.

O evento destacou, unha vez máis, pola súa aposta por achegar a cultura verde dun xeito próximo e desenfadado, reivindicando ademais o espazo público como punto de encontro para compartir coñecementos, experiencias e iniciativas vinculadas á sustentabilidade.

Nesta terceira edición, o festival medrou tanto en duración como en programación. As actividades arrancaron xa pola mañá cunha sesión de "Morning Ioga", unha proposta orientada a conectar o benestar físico e emocional co contacto coas plantas e coa natureza.

A actividade serviu como preludio dunha intensa xornada que se prolongou sen interrupción ata as nove da noite.

Outra das novidades máis celebradas foi a incorporación dunha sesión vermú, que contribuíu a crear un ambiente máis dinámico e continuo durante todo o día.

Música, postos especializados e espazos para descansar fixeron da Alameda un lugar de encontro interxeracional no que conviviron afeccionados á xardinería, familias, curiosos e amantes da vida sostible.

Os "Faladoiros" convertéronse nun dos grandes atractivos da programación. Nesta ocasión, a conversa xirou arredor da horta tradicional e da importancia de recuperar prácticas agrícolas sostibles e produtos de proximidade.

Entre as participantes estiveron a creadora de contido Huertelia, coñecida nas redes sociais polo seu labor divulgativo arredor da horticultura; Sandra, responsable do proxecto "Nosa Granxa"; así como representantes de "Cultivo Galego", que puxeron en valor a produción local tanto desde o punto de vista gastronómico como cultural.

Ao longo da Alameda instaláronse tamén numerosos stands de emprendedores e marcas locais, nos que os visitantes puideron atopar desde plantas ornamentais ata cosmética natural, pezas de artesanía e produtos relacionados co cultivo doméstico.

A vertente formativa tivo igualmente un peso importante no festival. Desenvolvéronse diversos obradoiros en grupos reducidos para favorecer unha experiencia máis próxima e participativa.

Entre as actividades máis concorridas destacou un taller infantil sobre a horta impartido por Huertelia, pensado para introducir aos máis pequenos no coidado das plantas e nos principios básicos do cultivo ecolóxico. Tamén espertou gran interese un obradoiro centrado nos coidados das orquídeas, patrocinado pola marca Lechuza.

Como xa é tradición, o broche final chegou co intercambio de escallos, unha das actividades máis esperadas polos asistentes.

A partir das sete da tarde, multitude de persoas se achegaron ata este espazo colaborativo no que compartir plantas, esqueixes e consellos de cultivo, pechando así unha xornada marcada pola convivencia, a aprendizaxe e a paixón polo mundo verde.