Cerdedo Cotobade avanza na recta final da planta de biomasa incluída no proxecto europeo Aldealix, unha iniciativa de cooperación que busca promover comunidades enerxéticas locais capaces de producir e distribuír calor mediante biomasa de proximidade que favoreza a loita contra o cambio climático, a prevención de incendios ou a redución do consumo de combustibles fósiles.
O Concello informou do estado das actuacións nunha reunión celebrada no Centro Cultural de Cerdedo coa participación dos socios do programa e da empresa xestora, Eosa.
O proxecto está promovido por AGADER como socio principal, xunto con varias entidades de Galicia e do norte de Portugal, e mobiliza un investimento global de 2,6 millóns de euros, dos que 2 millóns proceden do programa europeo Interreg POCTEP 2021-2027. O seu obxectivo é aproveitar a biomasa forestal para abastecer edificios públicos e, nunha segunda fase, tamén vivendas particulares.
A iniciativa contempla a construción de plantas de biomasa en Monterrei, Cerdedo Cotobade, Vila Pouca de Aguiar e Arcos de Valdevez.
A de Monterrei está acabada e a de Cerdedo Cotobade, que entra na súa recta final, conta cun investimento de máis de 700.000 euros e consiste na construción dunha planta de biomasa de 95 metros cadrados, equipada cun silo para acha forestal e unha caldeira de 500 quilowatts. A instalación estará conectada a unha rede soterrada de tubaxes que permitirá distribuír a calor a distintos inmobles municipais.
Nunha primeira fase, a rede dará servizo ao CEIP, á escola infantil, aos vestiarios do pavillón, á aula de música e á aula taller. Máis adiante incorporaranse a residencia de maiores e o Centro Cultural de Cerdedo, e nunha terceira etapa poderían conectarse tamén as vivendas encostadas.
Segundo explicou o Concello, os traballos están xa practicamente terminados e só quedan pendentes as probas de presión da rede e as últimas conexións eléctricas. Se se cumpren os prazos previstos, a infraestrutura quedará finalizada durante o mes de agosto.
O alcalde, Jorge Cubela, destacou que o proxecto sitúa ao municipio "na vangarda da transición enerxética no rural" ao permitir substituír as actuais caldeiras de gasóleo por un sistema máis eficiente e sostible. Engadiu ademais que a planta axudará a reducir emisións e custos enerxéticos, así como a pór en valor a biomasa dos montes locais.
Cubela tamén remarcou a dimensión económica e social de Aldealix, ao considerar que pode xerar actividade vinculada ao sector forestal e abrir a porta a unha futura rede de calor para vivendas.