O pleno da Deputación aproba a terceira modificación de crédito deste ano, por 9,2 millóns de euros

Pontevedra
30 de maio 2025
Actualizado: 16:07

Estes fondos se destinarán principalmente ao servizo de Infraestruturas, que incrementará en 6 millóns de euros a súa dotación para a mellora da rede viaria provincial

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra /

O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres cos votos favorables dos deputados do grupo popular a terceira modificación de crédito deste ano, por valor de 9,2 millóns de euros. O grupo do BNG votou en contra e o grupo socialista se abstivo.

Case na súa integridade esta modificación de crédito está financiada con remanentes de tesourería, 9,1 millóns de euros, e de baixas por anulación de contratos, uns 110.000 euros.

Estes fondos se destinarán principalmente ao servizo de Infraestruturas, que incrementará en 6 millóns de euros a súa dotación para a mellora da rede viaria provincial. Tamén incrementarán a partida de Acción Comunitaria, que recibe 2,3 millóns de euros para atender a demanda dos programas: Provincia Comunitaria, +Aqua e Novaqua.

Destínanse tamén recursos o patrocinio dos festivais de música do verán Rías Baixas Fest, que reciben 160.000 euros; a instalación dun skatepark en Príncipe Felipe, por 15.000 euros; ou a posta en marcha do programa +Mobe, por 55.000 euros.

Tamén hai unha partida de 100.000 euros para colaborar con Concello de Pontevedra na organización dos mundiais de tríatlon ITU Multisports, ainda que o goberno local da cidade agardaba que a Deputación aportase 500.000 euros como fixo na anterior edición deste evento deportivo.

O BNG recrimina ao goberno provincial que a Deputación reduciu os seus investimentos en Pontevedra en máis dun millón de euros anuais e instouno a actualizar os investimentos na vila do Lérez igual que está a subir os do resto dos concellos co Plan + Provincia.

Nesta mesma sesión plenaria foi aprobada por unanimidade a primeira prórroga, por un ano, do acordo marco para as obras de conservación de firmes da rede viaria da Deputación. Renovaranse así as adxudicacións dos seis lotes que compoñen un contrato valorado en 4,4 millóns de euros.

No pleno debatíronse tamén varias mocións, sendo aprobada cos votos do PP e o BNG a proposta do grupo provincial do Partido Popular para reclamar ao Goberno central a rebaixa do IVE do peixe e dos produtos do mar; así coma a do grupo nacionalista, cos votos favorables dos deputados do BNG e a abstención de populares e socialistas, para a dignificación do servizo do GES do Val Miñor.

Pola contra, foron rexeitadas as propostas do PSOE para esixir á Deputación e á Xunta de Galicia que eviten reunións partidistas con voceiros da oposición nos concellos e a creación no Porriño dun centro de acollemento para a atención de mulleres vítimas de violencia de xénero con problemas de adicións.