O pleno de Pontevedra aproba esixir á Xunta prezos xustos e diálogo de Lores e Allegue cos afectados polo PIA de San Amaro

Pontevedra
18 de maio 2026
Actualizado: 16:52

Os votos a favor do PSOE, que presentou a moción, e do PP sacan adiante a moción fronte á abstención do BNG, nunha sesión onde estiveron presentes representantes veciñais

Afectados polo PIA de San Amaro no pleno municipal de Pontevedra celebrado o 18 de maio de 2026

O pleno da corporación municipal de Pontevedra aprobou reformular a proposición relativa ao desenvolvemento do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de San Amaro (San Mauro).

A iniciativa, presentada polo grupo municipal do PSdeG-PSOE e que incorporou unha emenda do Partido Popular para axilizar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), contou con 16 votos a favor dos dous grupos da oposición e a abstención do goberno local do BNG.

A sesión plenaria estivo marcada pola presenza de medio cento de veciños integrados na plataforma de afectados, que conta con 271 titulares catastrais e máis de 150 familias.

Os residentes reclaman información directa, a revisión das delimitacións do proxecto e unha compensación económica superior á prevista inicialmente na normativa básica do plan.

Antes do inicio do debate, a representante dos veciños afectados, Mer Paratcha, expuxo o malestar da veciñanza ante a falta de comunicación previa por parte das administracións implicadas no proxecto, do que tiveron constancia a través das notificacións oficiais e do Diario Oficial de Galicia.

"Os veciños de San Mauro recibimos unha notificación na que se nos di que estamos afectados. Referencia catastral: afectados", explicou Paratcha, quen puntualizou que o colectivo non se opón á construción de vivenda protexida, senón ao procedemento empregado. "Nós non estamos en contra da vivenda protexida, non estamos en contra de que se constrúa, pero deixáronnos fóra, coas présas e con todo deixáronnos fóra".

A voceira veciñal sinalou que a documentación técnica dispoñible fixa unha pinza de prezos por metro cadrado de entre 2 e 10 euros para as expropiacións, unha contía que consideran insuficiente e que xera desamparo entre os residentes, maioritariamente persoas de idade avanzada.

Mer Paratcha no pleno municipal de Pontevedra celebrado o 18 de maio de 2026Alberto de Madrid Lafuente

Tamén cualificou de "trampa" e "soga ao pescozo" a proposta da Xunta de Galicia de permitir a participación veciñal no desenvolvemento urbanístico: "Quedas sen nada do que tes e xa che poñen unha soga ao pescozo para o resto da túa vida dependendo do que eles decidan. E a ver quen é o obreiro que pode facer esa inversión".

Por outra banda, Paratcha apuntou que, tras os contactos mantidos co portavoz do PP, Rafa Domínguez, concretouse unha reunión cos técnicos da Consellería de Vivenda, María Martínez Allegue, para o vindeiro venres 22 de maio para analizar o grao de afectación das propiedades.

DEBATE POLÍTICO

O portavoz do PSdeG-PSOE, Iván Puentes, encargouse de defender a moción e detallou as magnitudes do PIA de San Amaro, ao que se referiu como o maior proxecto planificado na cidade, cunha superficie de 21 hectáreas e a previsión de executar 2.010 vivendas, das cales 1.300 serán protexidas.

Puentes criticou que a declaración de interese autonómico e a delimitación do ámbito, aprobada o 5 de agosto de 2025,se realizasen sen trasladar os detalles á veciñanza.

"A xente, ante a falta de información, o único que ten é o DOG, é que os seus terreos valen entre 2 e 10 euros", sinalou Puentes, quen contrapuxo esta cifra cos 250 euros por metro cadrado que abona o Concello de Pontevedra para zonas verdes.

Afectados polo PIA no pleno municipal de Pontevedra celebrado o 18 de maio de 2026Alberto de Madrid Lafuente

O portavoz socialista pediu que o goberno local e a Xunta se reúnan cos afectados de forma inmediata para estudar correccións no ámbito de actuación e acordar compensacións que inclúan, no caso de vivendas habituais, a entrega de vivendas libres de protección. "O único que se pide é que aos veciños e veciñas aos que se obriga a prescindir teñan tamén unha parte xusta do seu negocio".

Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña (BNG), manifestou o apoio do goberno local ás posicións dos veciños, recordando que "cando estamos a falar de casa estamos a falar de proxectos de vida, non só de planos nin de números".

Afectados polo PIA de San Amaro no pleno municipal de Pontevedra celebrado o 18 de maio de 2026Alberto de Madrid Lafuente

Oubiña defendeu que o PIA é necesario e positivo para o municipio, pero remarcou que as familias prexudicadas deben recibir unha compensación xusta.

Con todo, rexeitou que as demandas supoñan a interrupción do plan urbanístico e propuxo unha votación por puntos para acadar a unanimidade, emenda que non foi aceptada polo PSOE.

Alberto Oubiña durante a súa intervenciónAlberto de Madrid Lafuente

"Este acordo non implica pechar o proxecto. Implica paralizalo", argumentou Oubiña, advertindo de que esta resolución incrementa a incerteza dos residentes. "A día de hoxe a veciñanza vai saír con máis incerteza. Se se aproba o que propoñen, iso significa que non saberán se se vai indemnizar, as alturas, se lles van expropiar...".

O portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez, dirixiu as críticas cara á xestión do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ao que acusou de non permitir o desenvolvemento urbanístico da zona e de carecer dun plan xeral actualizado que evitase a intervención directa da administración autonómica ante a escaseza de solo residencial.

"El gran responsable de esta situación no puede ser otro que Lores", declarou Domínguez. "Si hubiera un plan xeral en condiciones Pontevedra tendría la posibilidad de seguir creciendo y estas personas podrían convertir ese suelo como urbano y no urbanizable".

O líder do PP xustificou o voto favorable do seu grupo á moción socialista argumentando coincidencias nos obxectivos de propiciar reunións cos afectados e garantir prezos xustos e vivendas de substitución libres de cargas tributarias como o IVE.

"Nosotros estamos de acuerdo con los puntos: Que el gobierno municipal se reúna con los vecinos... Que la conselleira se reúna con los vecinos... Que se pague un precio justo". Domínguez tamén defendeu a disposición ao diálogo da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.

Tras un segundo turno de intervencións no que Puentes insistiu en que falar cos afectados reduce a inquedanza e reprochou ao BNG a súa postura, procedeuse á votación do texto que incluía a emenda do PP para acelerar os trámites dun novo PXOM.

A iniciativa saíu adiante, entre os aplausos das persoas afectadas que estaba no salón de plenos, cos 16 votos a favor de socialistas e populares, mentres que o grupo do BNG optou pola abstención.

Pleno municipal de Pontevedra celebrado o 18 de maio de 2026Alberto de Madrid Lafuente

Á saída do salón de plenos, os veciños asistentes celebraron o resultado do escrutinio. Mer Paratcha trasladou á PontevedraViva a valoración da plataforma respecto do acordado polo órgano municipal, sinalando que "todo o que sexa paralización é positivo para as persoas afectadas", á espera da próxima reunión coa conselleira.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora