A Corporación Municipal da Lama celebrou este xoves un pleno extraordinario, a petición dos grupos da oposición para expresar públicamente o posicionamento de cada partido político con respecto á implantación do parque eólico de Monte Peón e avanzar na información e na transparencia sobre a tramitación deste proxecto.
Así, as catro formacións políticas con representación na Corporación, PPdeG, UCIN, IPR e PsdeG-PSOE, manifestaron o seu rexeitamento á implantación do parque eólico de Monte Peón así como á instalación de macroeólicos no termo municipal. Durante as súas respectivas intervencións, os distintos voceiros da oposición demandaron do goberno local maior transparencia e información sobre a tramitación deste tema criticando que o informe previo emitido polo departamento técnico municipal non fora negativo a este parque eólico desde o primeiro momento.
Por outra banda, en relación á proposta de que o Concello asuma parte dos gastos do proceso xudicial que vai emprender a Comunidade de Montes de Antas contra a implantación do parque eólico de Monte Peón, o alcalde David Carrera, sinalou que no orzamento municipal non aparece partida orzamentaria asignada a este tema e explicou a dificultade legal de asumir por parte da administración local un gasto dunha entidade privada como é o caso da Comunidade de Montes de Antas.
Esta resposta provocou o rexeitamento dos partidos políticos da oposición que lembraron o compromiso do anterior alcalde, Jorge Canda, na xuntanza veciñal do pasado 29 de marzo no Consistorio, de que o Concello asumira parte dese custe que agora ten problemas legais.
O alcalde, quen informou de que a día de hoxe non había petición algunha do parque eólico de Monte Peón para tramitar unha licencia de obra, comprometeuse en nome da Corporación a non tramitar ningunha autorización que non cumpra as preceptivas normativas..
Finalmente e antes de rematar o Pleno, a presidenta da Comunidade de Montes de Antas, Erundina Louro, que se atopaba entre o público solicitou intervir ao cual accedeu de xeito excepcional o alcalde David Carrera. Louro aproveitou a súa alocución para poñer de manifesto a necesidade de que a Corporación asumira como propia a defensa dos intereses xerais da veciñanza afectada pola implantación destes macroparques eólicos, nomeadamente o de Antas.
Erundina Louro avogou para que o Concello poña a disposición dos afectados todos os recursos dos que dispón, tanto técnicos como económicos, para facer fronte a este problema. Louro manifestou que neste tema non deberían primar os intereses dunha multinacional enerxética senón a dos veciños e rematou dicindo que “sempre haberá alguén en fronte dos que queiran rematar co noso xeito de vida”.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.