Poemas, fotografías e debuxos para concienciar sobre o abuso sexual na infancia na sede da UNED

Pontevedra
17 de novembro 2022

Ana Corzo Sánchez, Guadalupe Eichelbaum Sánchez, Ana Paula Ferreira Simoës, Paloma Rodríguez Fernández e Mireia Sánchez Hernández serán o vindeiro sábado 19 de novembro as protagonistas das actividades organizadas pola UNED de Pontevedra para conmemorar o Día Mundial para a Prevención do Abuso na Infancia

Sede da UNED en Monte Porreiro
Sede da UNED en Monte Porreiro /

Ana Corzo Sánchez, Guadalupe Eichelbaum Sánchez, Ana Paula Ferreira Simoës, Paloma Rodríguez Fernández e Mireia Sánchez Hernández serán o vindeiro sábado 19 de novembro as protagonistas das actividades organizadas pola UNED de Pontevedra para conmemorar o Día Mundial para a Prevención do Abuso na Infancia.

Os actos centrais da conmemoración serán un recital de poesía e unha exposición de fotografías e debuxos realizados por sobreviventes de abusos sexuais na infancia. 

A iniciativa, impulsada polo coordinador de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, Rafael Cotelo, está dirixida a estudantes e profesionais do ámbito sanitario e aberta ao público en xeral. 

Os seus obxectivos fundamentais son mostrar a expresión de procesos derivados do estrés postraumático complexo como a disociación, a depresión e as ideas autolíticas a través do recitado e a exposición e explicar como a práctica dunha disciplina artística axuda na terapia de vítimas de trauma a nivel psicolóxico, así como as súas melloras a nivel neurolóxico. 

A actividade desenvolverase entre as 10 e as 14 horas na aula 108 da UNED na súa sede de Monte Porreiro. 

Ana Corzo Sánchez será a presentadora. É doutora en Belas Artes e artista multidisciplinar con ampla experiencia no mundo do teatro. Participou en numerosas exposicións pictóricas, ten varios poemarios publicados e é coordinadora e mestra de cerimonias en recitais. 

A escritora Guadalupe Eichelbaum Sánchez é licenciada en Ciencias Biolóxicas ten varias novelas publicadas, a última El milagro de los Bryant en 2022.

A escritora e debuxante Ana Paula Ferreira Simoēs é estudante en prácticas do Grao de Psicoloxía no Centro Asociado á UNED de Pontevedra. 

A fotógrafa Paloma Rodríguez Fernández participou en varias exposicións de fotografía. 

A escritora Mireia Sánchez Hernández é coordinadora técnica en entidade social. É autora do libro de poemas Y sigo viva…a pesar de ti