Poio abre a oficina de turismo de Combarro e a Casa de Colón durante o verán

Poio
11 de xuño 2014

Os dous espazos abrirán as súas portas o luns 16 de xuño e está previsto que permanecerán con actividade ata o mes de setembro, ademais o Casal de Ferreirós ampliará o seu horario de atención ao público

Casa Museo de Colón en Poio
Casa Museo de Colón en Poio

A concellaría de Turismo do Concello de Poio abrirá a Casa de Colón e as oficinas de turismo de Combarro o próximo luns 16 de xuño de cara á tempada de verán.

A oficina de turismo de Combarro permanecerá aberta ao público ata o mes de setembro. Atenderase aos visitantes de luns a domingo en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 20:30 horas a través de dúas bolseiras que serán as encargadas de dar a información turística aos visitantes. Dende o Concello de Poio aseguran que, en breve, se lles unirá outra persoa titulada en turismo para ofrecer un servizo completo durante toda a semana.

A Casa de Colón tamén abrirá o luns 16 coa presenza doutra bolseira titulada en turismo. O horario de visitas será de martes a domingo de 10:30 a 14 horas e de 17:30 a 20:30 horas.

Durante a tempada estival, a oficina de turismo do Casal de Ferreirós amplía o seu horario abrindo polas tardes de luns a venres de 17:00 a 20:00 horas. O novo horario coincide coa Exposición da Escola de Canteiros que se inaugura no edificio o próximo sábado 14 de xuño con motivo da festividade de San Xoán. A mostra poderase visitar durante dúas semanas.