Poio adxudicará este martes a transformación da entrada ao municipio pola PO-308

Poio
23 de agosto 2025
Actualizado: 11:43

A empresa encargada de levar a cabo esta transformación será COVSA. O orzamento de adxudicación ascende a 1,6 millóns de euros e o prazo previsto para executar os traballos é de doce meses

Plano das obras previstas na PO 308 entre A Barca e o Casal de Ferreirós Concello de Poio

Este martes, o pleno do Concello de Poio aprobará a adxudicación dunhas obras moi esperadas: a reurbanización do tramo inicial da estrada PO-308, entre A Barca e o Casal de Ferreirós.

Trátase da primeira fase dun ambicioso proxecto que busca dar un novo aire a unha das principais entradas ao municipio, con máis espazo para as persoas e menos protagonismo para os coches.

A empresa encargada de levar a cabo esta transformación será COVSA, que foi a mellor valorada entre as oito que se presentaron ao concurso público.

O orzamento de adxudicación ascende a 1,6 millóns de euros e o prazo previsto para executar os traballos é de doce meses.

O inicio das obras está previsto para xusto despois do paso de La Vuelta por Poio, que terá lugar o vindeiro martes 9 de setembro, coincidindo coa etapa 16 da prestixiosa proba ciclista.

Este proxecto de humanización, froito dun convenio entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia, ten como obxectivo recuperar o espazo público para as persoas.

Priorizarase ao peón, fomentarase unha mobilidade máis sostible e buscarase revitalizar o comercio local.

En definitiva, preténdese facer desta zona un lugar máis accesible, cómoda e segura para todos.

Entre as melloras previstas inclúense: beirarrúas máis anchas, cun mínimo de 2,5 metros; novos elementos que melloren a accesibilidade; renovación de todos os servizos e infraestruturas urbanas; instalación de mobiliario urbano e zonas asistenciais; reorganización dos carrís de circulación e prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida; medidas para acougar o tráfico e mellorar a seguridade viaria e melloras na infraestrutura do transporte público.

Para facilitar a convivencia durante as obras, o Concello porá en marcha un plan de tráfico provisional. O obxectivo é manter o equilibrio entre o avance dos traballos e a vida diaria de veciños, garantindo seguridade, fluidez na circulación e o menor impacto posible.

Unha transformación que, segundo destaca o goberno local, "marcará un antes e un despois en Poio".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora