Colectivos sociais, políticos e feministas responderon este luns ao chamamento de urxencia realizado desde a asociación Armadiña, organizadora do festival Armadiña Rock Estrela Galicia, para mostrar publicamente o seu rexeitamento ao intento de agresión sexual a unha moza na zona de acampada do evento musical na madrugada do domingo. Centos de persoas acudiron á concentración realizada na praza da Chousa de Combarro e lembraron, unha vez máis, que "non é non".
Os asistentes situáronse tras unha pancarta da asociación Armadiña que resumía en tres palabras as reivindicacións dos colectivos feministas a diario e ante casos como o vivido esta fin de semana en Poio: "xuntas, respectadas e libres".
Tanto o colectivo convocante como o goberno local bipartito, partidos como BNG e PP e asociacións feministas de distintos puntos de Galicia mostraron durante a xornada deste luns o seu rexeitamento unánime ao intento de agresión sexual a esta nova, polo que foi detido e logo posto en liberdade un veciño de Marín de 38 anos, e, en xeral, a súa repulsa cara a todo tipo de violencias machistas. Xa pola noite, deron un respaldo unánime á vítima cunha concentración masiva en Combarro.
Desde a asociación Armadiña lamentan e condenan que, unha vez máis, un evento festivo fose o marco dun novo episodio de vulneración dos dereitos das mulleres e lograron o respaldo de todos para declarar persoas non gratas en Poio aos agresores que exercen calquera tipo de violencia sobre as mulleres.
A organización leu un manifesto insistindo en que a vítima está desprotexida ante o agresor, que foi posto en liberdade horas despois, "permitíndolle poder reincidir nos seus actos" e pedindo "unha xustiza que empatice coas mulleres e unhas leis que garantan os nosos dereitos".
Ademais, esixen de maneira urxente un cambio educativo de raíz para que as novas xeracións se eduquen no respecto e na igualdade e amósanse críticos coas voces que consideran que "minimizan os feitos" argumentando que non pasou nada. "Si que pasou, e non foi un intento, foi unha agresión", engaden sobre o acontecido, calificado a nivel policial e xudicial como delito de agresión sexual en grao de tentativa, porque "un home considerou que tiña o dereito a acceder sen consentimento ao corpo dunha muller".