A concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, visitou este mércores o Hotel Alejandrina, que abriu as súas portas hai un mes.
Cochón realizou a visita acompañada da directora do establecemento, a veciña do municipio Ruth Abilleira, e enxalzou o seu "exemplo de emprendemento" ao reiniciar a actividade nun edificio que permanecía pechado desde 2009.
A ela e a todos os empresarios do sector que escollen Poio para o seu negocio Rocío Cochón garantiu "todo o apoio do Concello".
O novo hotel está situado en Porteliña, na parroquia de San Salvador, e dispón de 9 habitacións na zona máis urbana do municipio.
Logo da incorporación deste e outros establecementos, Poio encara a parte central do verán con 4.732 prazas de aloxamento, un 8% máis que o ano pasado.
Este aumento é para Cochón a demostración de que Poio está "en pleno crecemento como destino", e "consolídase cada vez máis como un lugar para investir e para visitar os 365 días do ano".
Cochón recoñeceu ademais a iniciativa de Abilleira ao ser o primeiro establecemento de Poio en adherirse ao Bono Turístico #DescubreGaliciaEnOutono posto en marcha pola Xunta para impulsar a desestacionalización e dinamizar a economía e o emprego no sector e que se poderá descargar a partir deste venres 18 de xullo.
A partir desa data poranse en circulación máis de 16.000 bonos que se poderán gozar en establecementos da Comunidade do 15 de setembro ata o 25 de decembro.
Os bonos serán dun importe de 150 euros, dos que o 40% estará financiado pola Xunta, que espera mobilizar ata 2,5 millóns de euros no sector durante o outono.
A responsable de Turismo invitou ao resto de establecementos do municipio a participar nesta iniciativa.