Poio contará con dúas novas liñas de autobús a partir de agosto

Poio
30 de maio 2026
Actualizado: 14:34

As rutas conectarán, de luns a venres, o Mosteiro de San Xoán coa ponte da Barca e con Alto Dorrón, ampliando a oferta de transporte público no municipio

Autobús en A Barca

A oferta de transporte público en Poio verase ampliada con dúas novas rutas a partir deste próximo mes de agosto.

Así o informou a Xunta de Galicia tras rubricar o convenio de colaboración coas firmas do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a UTE XG-626.

Este convenio permitirá a posta en marcha dun servizo de interese municipal (SIMU) que se traducirá en dúas novas liñas de autobús que operarán de luns a venres, en días non festivos.

A primeira destas rutas conectará a ponte da Barca co Mosteiro de San Xoán de Poio.

Entre os meses de setembro e xuño, esta liña contará cun servizo de ida ás 9.40 horas desde A Barca e volta en sentido contrario ás 12.40 horas. Durante o verán (xullo e agosto), a ida adiantarase ás 9.20 horas e a volta ás 12.00 horas.

Pola súa banda a segunda liña conectará Alto Dorrón co propio Mosteiro de San Xoán.

Neste caso entre setembro e xuño o horario de ida está progamado desde Alto Dorrón ás 10.30 horas e a volta ás 13.30 horas. En xullo e agosto este horario adiantarase ás 10.10 e 12.50 horas respectivamente.

Firma do convenio para implantar dúas novas liñas de autobús en PoioXunta de Galicia

O convenio asinado, explica a administración autonómica, é de catro anos de vixencia cunha prórroga adicional doutros catro anos.

A Xunta aplicará ás novas novas liñas o sistema tarifario vixente no resto da rede galega de transporte público.

Isto supón a validez das bonificacións existentes co uso da Tarxeta Xente Nova para menores de 21 anos ou a aplicación da tarifa especial para persoas maiores de 65 anos a través do Cartón de Mobilidade de Galicia (TMG).

No marco deste acordo o Concello de Poio asumirá a financiación do SIMU cun custo aproximado de 69.000 euros.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora