Poio e A Illa reciben as súas bandeiras azuis

Poio
23 de xuño 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, entregou este venres de maneira oficial os distintivos para, entre outros areais, as praias de Cabeceira (Poio) e Area da Secada e O Bao (A Illa de Arousa) 

Acto de entrega de bandeiras azuis aos concellos de Poio, A Illa e A Guarda
Acto de entrega de bandeiras azuis aos concellos de Poio, A Illa e A Guarda / Xunta de Galicia

Os concellos de Poio, A Illa de Arousa e A Guarda xa teñen no seu poder as bandeiras azuis que lles foron concedidas para lucir durante o verán nas súas praias.

Nun acto celebrado na delegación pontevedresa da Xunta de Galicia e presidido polo novo delegado territorial, Agustín Reguera, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a edil arousá Rosi Viana recibiron as bandeiras.

Trátase de distintivops que lucirán nos areais de Cabeceira (Poio) e Area da Secada e O Bao (A Illa de Arousa).

"Houbo concellos que, por distintos motivos, non puideron asistir á entrega oficial das bandeiras azuis celebrada hai dez días en Arteixo, algo que entendemos perfectamente porque ademais foi na semana de constitución das corporacións, pero desde a Xunta queriamos entregarllas xusto agora que comezou o verán para que, desde hoxe mesmo na festividade de San Xoán, poidan lucir nos areais da nosa provincia", afirmou o representante do goberno autonómico.

"A bandeira azul é un sinal de identidade moi importante, xa que outorga certezas de calidade e seguridade sobre os areais e outros servizos turísticos aos usuarios, sexan galegos, residentes ou de viaxe pola terra, ou ben turistas", defendeu Reguera agradecendo a colaboración de todos os concellos para que "Pontevedra sexa unha provincia tan prolífica nestes recoñecementos".