O Concello de Poio terá visibilidade da vindeira edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará en Madrid entre os días 19 e 23 de maio.
A concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), destacou a relevancia de contar con presenza neste evento, máxime cando se trata "da primeira cita de promoción turística de gran categoría que se pode celebrar de xeito presencial desde a aparición da pandemia da covid-19".
Deste xeito, Poio contará con presenza dentro do Stand de Galicia, onde se porá a disposición das persoas que visiten FITUR exemplares da guía Coñeza Poio.
Ademais, o municipio tamén terá representación asistindo á presentación de diferentes actos durante o desenvolvemento da feira, como é a presentación da campaña promocional "Este é o teu momento", impulsada pola Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas.
Outra iniciativa que se dará a coñecer en FITUR será a presentación de "Camiño á orixe", impulsada pola Mancomunidade do Salnés para dar visibilidade aos municipios polos que transcorren tanto a Ruta do Pai Sarmiento como a Variante Espiritual do Camiño Portugués.