Poio estrea un mural que homenaxea mulleres referentes e precursoras

Poio
06 de marzo 2022

A actriz María Casares, a artista Maruja Mallo, a escritora Rosalía de Castro, a profesora, tradutora e editora Xela Arias e a periodista, xurista e escritora Concepción Arenal son as protagonistas do mural que, con motivo do 8M, vén de estrear o Concello de Poio

Mural creado en Poio polo 8M
Mural creado en Poio polo 8M / Concello de Poio

A actriz María Casares, a artista Maruja Mallo, a escritora Rosalía de Castro, a profesora, tradutora e editora Xela Arias e a periodista, xurista e escritora Concepción Arenal son as protagonistas do mural que, con motivo do 8M, vén de estrear o Concello de Poio.

Esta intervención artística, elaborada por Tania Solla, está situada nos exteriores do Centro Cultural Xaime Illa de Raxó e con ela réndese homenaxe a estas cinco mulleres, que aparecen representadas neste mural acompañadas dunha costureira e unha pandereteira.

O deseño, explicou a concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, supón poñer en valor e dar visibilidade a mulleres de diferentes épocas, desde o século XIX ata a actualidade, que son referentes en diferentes eidos do coñecemento.

Os integrantes de Polo Correo Do Vento, ademais da propia Tania Solla, fixeron un breve repaso á traxectoria das protagonistas desta obra, que culminou esta fin de semana despois de varios días de intenso traballo por parte da súa autora.

"Debemos resaltar a importancia do papel de todas esas mulleres que foron pioneiras e romperon teitos de cristal en eidos do coñecemento e do saber que ata entón nos estaban vetados", subliñou Silvia Díaz.

O mural busca ademais visibilizar as mulleres que preservan e transmiten a cultura popular e os saberes tradicionais, "que son fundamentais na vida cotiá e que tantas veces quedan relegadas a un segundo plano", segundo a edil de Igualdade.

Esta intervención forma parte da programación do Día da Muller que impulsa o Concello de Poio e que inclúe varias iniciativas, entre as que se inclúen propostas para a cidadanía en xeral, para colectivos específicos e para o tecido educativo. 

Así, o vindeiro martes, día 8 de marzo, ás 12.00 horas procederase a dar lectura de manifesto ás portas da casa consistorial, mentres que o mércores 9 dará comezo Espazo Empoder@, unha acción formativa, impartida por Raquel Pedrouso entre os días 9 e 25 de marzo e que estará dirixida a mulleres en situación de desemprego, usuarias do CIM e dos Servizos Sociais.

O 21 de marzo, o alumnado do IES de 4º de ESO e 1º de Bacharelato participará no proxecto Novas masculinidades e empoderamento feminino, mentres que nos colexios ao longo do terceiro trimestre impulsarase a iniciativa Precursora, conta comigo, que inclúe sete sesións de contacontos sobre mulleres que abriron camiño en eidos acaparados polos homes.