Poio homenaxea o sector do transporte coa XVI Festa de San Cristovo

Poio
09 de xullo 2026

A Seca acollerá este sábado unha xornada festiva en honra ao patrón dos transportistas cunha programación que incluirá unha concentración de vehículos, actos litúrxicos e a cea de confraternidade

Presentación do XVI San Cristovo en Poio Concello de Poio

A Asociación San Cristovo de Poio celebrará este sábado 11 de xullo, como é habitual, a tradicional festa en honra ao seu patrón.

Será na XVI edición dunha xornada festiva que ten como obxectivo recoñecer o labor do sector do transporte nun contexto lúdico e de convivencia.

O programa das festas deste ano, que inclúe actos litúrxicos, actuacións musicais e unha cea de confraternidade, foi presentado este mércores coa presenza do alcalde da localidade, Ángel Moldes, e do concelleiro de Festexos Fran Dasilva.

Abrirase o día ás 18:00 na Seca, escenario principal dos festexos, cunha concentración de vehículos nunha carpa que posteriormente acollerá a misa cantada pola Coral de Poio.

Unha vez terminada a liturxia e co acompañamento musical da agrupación folclórica local Vides Novas, terá lugar a habitual bendición de todos os vehículos asistente á cita.

Chegará entón a quenda dun dos pratos fortes do día co percorrido de todos os vehículos polas rúas do municipio.

Tras percorrer as principais avenidas da localidade poiense, todos eles regresarán ao lugar de partida na Seca para gozar da habitual cea ce confraternidade ao redor das 22:00. Do mesmo xeito que os actos anteriores, terá lugar na carpa montada para a ocasión.

O banquete, que estará amenizado polo grupo Marema, porá o punto e final a unha nova xornada festiva con motivo do San Cristovo.