As Festas de San Xoán de Poio xa están aquí. Quedaron inauguradas este venres 22 de xuño coa lectura do pregón desde a Casa do Concello do xornalista e escritor Rafa Cabeleira, veciño de Campelo.
Por diante seis xornadas de festexos e actividades para dar a benvida ao verán a golpe de "tradición, música, cacharelas e gastronomía... deixando fóra todo o malo e comezando un tempo novo con máis forza", sinalou o alcalde, Ángel Moldes lembrando que "o San Xoán forma parte da identidade do noso pobo, das nosas lembranzas, dos nosos recordos de infancia".
Tanto o rexedor como o pregoeiro desta edición animaron a gozar "do mellor xeito posible" das festas.
Como vén sendo habitual un dos primeiros actos das festas foi a entrega dos Premios San Xoán 2024 ao deporte local, que este ano recoñeceu a traxectoria dos piragüistas Iria Tilve e Nicolás Braña como mellores deportistas feminina e masculino, así como ao equipo sénior feminino do Poio Pescamar.
Ademais recibiron mencións especiais Lorena Nieto Pérez (kaiak-polo), Laura Alonso González (ximnasia rítmica), Cristina Expósito Rial (piragüismo), Lara Rodríguez Pintos (piragüismo), Lola Ferro Guiance (ximnasia rítmica), Carolina Santos Villalón (atletismo), Sabela Martínez Peón (atletismo), Xulia Losada Carramal (taekwondo), Noa Muñiz Arís (kickboxing), Sofía Fernández Fernández (kickboxing), Martín Expósito Rial (piragüismo), Diego Piñeiro Pereira (piragüismo), Kike Muñiz Muñoz (kickboxing), Germán Utesá Martínez (kickboxing), Marco Utesá Martínez (boxeo) e Naim Sequera Figueiras (taekwondo), así como aos equipos masculino e feminino do Poio Balonmán Artai, Veteráns Club Atlético de Combarro, o prebenxamín mixto de fútbol sala Poio, Veteráns Atlético Peña Rácing, os equipos benxamín e xuvenil de fútbol basee Poio, o equipo C-4 de piragüismo composto por Alejandro Gómez Rodríguez, Manuel Rey Rodríguez, Ismael Caldas Iglesias e Nicolás Braña Rial, e o de C-2 formado por Alba Rodríguez Requejo e Iria Tilve Señoráns.
NOITE DE SAN XOÁN
Este domingo 23 de xuño vivirase doutra banda a xornada máis esperada das festas, comezando a programación polas alboradas das agrupacións locais Escola de Música Tradicional de Poio e Vides Novas polas parroquias. Ademais o alumnado da Escola de Música de Poio ofrecerá o seu primeiro concerto na Praza do Mosteiro ás 12.45 horas, e pola tarde as Pandereteiras do Ronsel organizan a tradicional recollida de herbas de San Xoán.
Por último pola noite, desde as 21.30 horas, na Seca celebrarase a tradicional sardiñada popular, amenizada coa verbena da orquestra Los Players, o espectáculo de lume e o aceso da gran fogueira.
Neste aspecto o Concello de Poio ademais da cacharela pública da Seca recibiu un total de 200 peticións para realizar fogueiras no municipio, pedindo aos implicados que cumpran as normas de seguridade establecidas, ademais de chamar á responsabilidade para manter as praias e os espazos naturais limpos de residuos.