Poio pagará menos a Sogama

Poio
11 de febreiro 2022

Unha das chaves para esta redución é a gran resposta por parte da cidadanía á hora de facer uso dos composteiros comuntarios ao longo do ano pasado

Composteiro comunitario de Ferreirós Concello de Poio

O Concello de Poio contará coa bonificación do 10% no canon de Sogama pola xestión de residuos urbanos. Así o confirma o edil de Facenda, o nacionalista Xulio Barreiro, que indica que a redución ascende a algo máis de 50.000 euros, tal e como consta nos informes elaborados polos técnicos. 

Esta baixada, correspondente ao ano 2021, é posible grazas ás medidas aplicadas en cuestións como o fomento da recollida selectiva e que estaban orientadas á prevención e redución da produción de lixo convencional. Este desconto nos recibos farase efectivo en canto se poñan ao cobro.

Unha das chaves á hora de cumprir cos parámetros correspondentes para a aplicación desta bonificación ten que ver co boa resposta por parte da veciñanza á hora de facer uso de servizos como os Centros de Compostaxe Comunitarios (CCC) existentes en diferentes lugares da parroquia de San Salvador. 

O uso habitual que utilizan un gran número de residentes destes dispositivos provocou que, tal e como constata o enxeñeiro municipal, se acadase unha "drástica redución" da cantidade de restos de materia orgánica dentro dos residuos que se envían con destino a incineración, o que supón "unha redución de custes no tratamento do lixo". 

A todo isto hai que sumarlle, ademais, os preto de 400 composteiros individuais que o Concello de Poio repartiu entre a súa veciñanza ao longo dos últimos anos. Precisamente, a finais de 2021 procedeuse á entrega de 50 unidades cedidas por Sogama. Desde a Concellería de Obras e Servizos Municipais estase a tramitar a adquisición duns 700 novos composteiros individuais para que estean a disposición da cidadanía, de xeito gratuíto, ao longo dos vindeiros meses.