O Concello de Poio anunciou que se vai facer eco das queixas realizadas por numerosos veciños e colectivos de Raxó e de Samieira e vai remitir un escrito á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia para solicitar que poña en marcha medidas que faciliten a mobilidade de peóns no tramo da estrada PO-308 entre o lugar de Covelo, na parroquia de Samieira, e Raxó
As queixas veciñais das que se fai eco o Concello insisten en que a instalación dalgunhas marquesiñas e de sinalizacións verticais nesta zona da PO-308, en moitos casos, deixan a accesibilidade "comprometida" para peóns, xa que reduce o espazo para os viandantes, especialmente para aqueles que padecen problemas de mobilidade, pois dificultan o tránsito de cadeiras de rodas ou carros de bebés.
O Concello insta á Xunta a que atope unha solución para estes problemas, xa que, se ben non pon en dúbida a utilidade destas infraestruturas, entende que é preciso buscar outros emprazamentos que non xeren incomodidades ou poñan en perigo as viandantes.
Desde o Concello insisten na importancia destas medidas, máxime nestes momentos nos que se está empezando a proceder coa desescalada das medidas de confinamento, que xa permiten saír á rúa aos menores de 14 anos e que, proximamente, tamén servirá para que a veciñanza poida facer exercicio ao aire libre e dar paseos en familia.