Poio regulará o uso da zona de autocaravanas da Seca cunha ordenanza negociada co sector

Poio
15 de xuño 2025

O Goberno local reúnese con representantes do turismo itinerante para presentar o borrador dun texto pensado para dar seguridade xurídica e impulsar a actividade de forma sustentable

Reunión co sector para falar da ordenanza de autocaravanas

O Concello de Poio está a dar os primeiros pasos para regular o turismo de autocaravanas no municipio a través dunha ordenanza municipal específica.

Esta semana, as concelleiras de Turismo, Rocío Cochón, e de Seguridade Cidadá, Maritxe González, mantiveron un encontro con representantes do sector no municipio para presentarlles o borrador desta normativa e recoller as súas achegas.

Poio conta cunha área habilitada para autocaravanas na contorna da Seca que ofrece dez prazas de estacionamento e unha zona para o baleirado de depósitos e toma de auga potable.

As normas de uso están recollidas nun panel informativo e esta ordenanza completará e consolidará esas normas para garantir unha aplicación estable e segura.

Ademais, o texto establecerá un marco flexible que permita habilitar novas áreas no futuro.

A ordenanza aspira a aportar seguridade xurídica a usuarios, administración e veciños, así como a impulsar esta actividade de forma sustentable e consolidar Poio como destino de referencia para esta modalidade turística, sempre garantindo a súa convivencia en harmonía coa veciñanza.

Rocío Cochón subliñou que a elaboración da ordenanza responde á "necesidade de ordenar con seguridade unha forma de visitar e desfrutar Poio que ten cada vez máis adeptos e aos que queremos acoller cos brazos abertos e cunha normativa clara e actualizada".

Cochón convidou aos asistentes a revisar o borrador, facer achegas e contribuír coa súa experiencia á mellora do texto. "Sodes os que mellor coñecedes as necesidades de usuarios como vós, e coa vosa axuda queremos conxugar a mellor acollida coa convivencia, a seguridade e o respecto polos espazos públicos e a veciñanza", indicou.

Maritxe González subliñou que despois de máis de oito anos de funcionamento da área sen unha regulación clara e específica, "facíase imprescindible esta mellora normativa, e a mellor maneira de levala a cabo é da man dos propios usuarios".