Poio reserva 480.000 euros para melloras "detectadas en obra" na Barca, Casalvito e Vilariño

Poio
15 de abril 2026

Asegura o goberno local que informes técnicos avalan a modificación destes proxectos, con necesidades detectadas ao abrir as gabias durante a execución das obras

Obras na Avenida da Barca en Poio Concello de Poio

O Concello de Poio intervirá nas "necesidades en obra" detectadas durante a execución dos proxectos na Avenida da Barca, en Casalvito e Vilariño.

En concreto, avanza o goberno local, reservará preto de 480.000 euros para intervir e solucionar as necesidades detectadas ao abrir as gabias durante a execución das obras.

O alcalde, Ángel Moldes, adiantou esta decisión durante a Comisión de Facenda repetindo a estratexia levada a cabo o pasado ano para "sortear" as limitacións que establece o Goberno central ao uso dos remanentes municipais.

Asegura que a decisión se apoia nunha operación de crédito e en informes técnicos que avalan a modificación destes proxectos.

"Unha vez iniciadas as escavacións durante a execución destas obras, detectouse a existencia de diversas afeccións que inciden tanto nos servizos municipais de abastecemento, saneamento e pluviais como nos servizos alleos de electricidade e telecomunicacións", explicou Moldes.

Isto fai necesario adoptar solucións técnicas que permitan adecuar as actuacións previstas ás condicións reais detectadas en obra. "Como consecuencia, considérase imprescindible a adopción dun proxecto modificado", indicou o alcalde, asegurando que "non podemos estar á espera do Goberno central".

En concreto, esta operación de crédito reserva 270.000 euros para o proxecto da PO-308, na Avenida da Barca, preto de 90.000 euros para aumentar o proxecto que se está executando entre Casalvito-O Padrón e 11.000 euros para a pista multideporte que se está a cosntruír en Vilariño.

O alcalde aclarou que esta operación de crédito compensarase cos máis de 300.000 euros que o Concello de Poio vai ter de remanente tras a liquidación do orzamento de 2025 e da previsión dos aumentos dos tributos do Estado.

"Estes proxectos están en marcha e as necesidades detectadas polos técnicos para mellorar substancialmente a calidade das obras son prioritarias, para non repetir erros do pasado, onde se adoquinaba por riba e traídas particulares e, ao final, había que volver a abrir as estradas para solucionar os problemas, provocando máis gasto e molestias á veciñanza", defendeu o rexedor.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora