Poio si terá recollida de lixo en agosto: un acordo de última hora desconvoca a folga dos traballadores

Poio
15 de agosto 2017

O acordo permite aos traballadores conseguir o obxectivo económico pactado durante tres anos, acadando unha suba salarial dun 1,7% anual. Este primeiro preacordo económico foi aceptado por unanimidade en asemblea dos traballadores que realizan o servizo en Poio 

Traballadores de Valoriza no pleno de Poio PontevedraViva

A folga convocada a partir deste mércores 16 de agosto no servizo de limpeza e recollida de lixo de Poio quedou desconvocada na noite deste luns. Un preacordo na negociación do convenio limpeza viaria do Concello de Poio permitiu a desconvocatoria da protesta no último momento. 

O acordo permite aos traballadores conseguir o obxectivo económico pactado durante tres anos, acadando unha suba salarial dun 1,7% anual. Este primeiro preacordo económico foi aceptado por unanimidade en asemblea dos traballadores que realizan o servizo en Poio.

Segundo informou o sindicato UGT, presente na mesa de negociación, este primeiro preacordo económico na negociación do convenio acadouse este luns coa mediación da inspectora de traballo na provincia de Pontevedra, Paula Rodríguez Lorenzo.

Trátase só dun primeiro acordo e queda pendente a negociación dos puntos de índole social que os traballadores acordaron negociar a partir do vindeiro 19 de setembro.

Xa quedou fixada a data para a negociación coa mediadora e o logro acadado levou aos afectados a tomar a decisión de desconvocar a folga que estaba previsto que empezara ás 6.00 horas deste mércores.