Poio tramita con Costas a nova senda que unirá San Salvador coa cidade de Pontevedra

Poio
05 de marzo 2023
Actualizado: 15:49

O Concello de Poio quere sumar máis de 8.000 metros de paseo costeiro ás sendas xa existentes entre A Seca e Campelo ou no Laño, grazas a actuacións que se financiarán a través de fondos europeos, cun valor total superior aos 2,5 millóns de euros

Reunión do Concello de Poio coa Dirección provincial de Costas Concello de Poio

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica do Concello de Poio, Gregorio Agís, mantivo esta semana unha reunión con técnicos da Dirección Provincial de Costas, para analizar o proxecto para a habilitación de máis de 8.000 metros de sendas costeiras, a través da fachada litoral do municipio.

Este proxecto servirá para vertebrar e conectar varios dos núcleos costeiros de relevancia no concello, así como para establecer unha nova conexión a pé coa cidade de Pontevedra.

Precisamente, Agís analizou cos técnicos os detalles da actuación centrada entre a capital da provincia e A Puntada, na parroquia de San Salvador. 

O concelleiro poiense sinala que a tramitación deste proxecto avanza a bo ritmo. "Son xestións complexas, pero que a base de traballo imos facer chegalas a bo porto", sinalou. Cómpre lembrar que, no caso desta senda, chegaría desde o núcleo da Puntada ata Lourido para, a continuación, estenderse ata a Ponte das Correntes, cunha extensión total de 3.500 metros aproximadamente.

Son cinco as áreas do litoral que o Concello de Poio está en trámites de recuperar. Ademais da xa mencionada entre San Salvador e Pontevedra, contémplase tamén unha senda entre A Seca e Combarro (ata a praia de Padrón), de máis de 1.000 metros de lonxitude e que daría continuidade á xa existente entre A Freixa e o areal da Ostreira, en Campelo. 

Ademais, neste caso, Agís incidiu en que "con esta actuación achegamos a Combarro un equipamento e zona de estacionamento próximo como é A Seca, ao dar vida a unha nova conexión". 

No proxecto inclúese, asemade, un paseo litoral desde o lugar de Covelo, en Samieira, ata a Chancelas, de 1.586 metros, e unha zona de paso, a maiores, en Raxó, que una a Praia de Sinás coa PO-308 (270 metros). Por último, está proxectada tamén unha actuación na senda circular que rodea a Illa de Tambo, de máis de 2.000 metros de lonxitude. 

O investimento total para impulsar estes espazos roldaría os 2,5 millóns euros aproximadamente e financiaranse con fondos europeos. 

Gregorio Agís sinala que "imos dando pasos para tramitar a posta a punto destes espazos por separado, que, unha vez sexan unha realidade, practicamente garantirán o tránsito a pé de forma segura, a través de espazos naturais e costeiros de gran riqueza paisaxística e medioambiental, desde Pontevedra ata Samieira ". 

CRÍTICAS DO PP

O portavoz do grupo municipal do PP de Poio, Ángel Moldes, lamentou a "hipocrisía" do PSOE local por anunciar "para 2024" esta sendas "que o seu partido xa nos negou en Madrid".

Así, Moldes recordou que "as sendas que pretende vender agora Gregorio Agís xa foron propostas polos deputados do Partido Popular no Congreso, a petición do PP de Poio", en forma de emendas aos Presupostos Xerais do Estado para 2023, que foron rexeitadas polo Grupo Parlamentario do PSOE e Podemos.

Para Moldes, "resulta ridículo que o PSOE de Poio faga presentacións de sendas no litoral ou incluso copie tramos que o PP local levou no seu programa electoral, como por exemplo a de Sinás, en Raxó, e á hora da verdade, cando hai que consignar orzamento e comprometerse, rexeitan en Madrid os proxectos", indicou o popular.