Poio traslada á Xunta a necesidade de reformar a PO-308 no núcleo urbano de San Salvador

Poio
30 de xaneiro 2020

O goberno local propón a Infraestruturas impulsar un convenio de colaboración, no que a administración local asumiría unha porcentaxe dos custes, para habilitar novas beirarrúas e renovar servizos en A Barca, Andurique e A Porteliña

Avenida da Barca en San Salvador de Poio
Avenida da Barca en San Salvador de Poio / PontevedraViva

O goberno local de Poio trasladou este mércores unha petición á Consellería de Infraestruturas para acometer unha mellora integral do tramo da PO-308 que transcorre por boa parte do casco urbano da parroquia de San Salvador.

Trátase dunha actuación que afectaría fundamentalmente ás avenidas da Barca, Andurique e Porteliña.

O Concello entende que nesta zona é preciso desenvolver obras que sirvan para construir novas beirarrúas, así como para renovar e instalar novos servizos.

No encontro participaron o alcalde, Luciano Sobral; o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, e a edil de Participación Veciñal, Silvia Díaz. Eles foron os encargados de dar traslado desta demanda ao responsable da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Os membros do tripartito amosaron a súa satisfacción unha vez concluida a reunión, que se prolongou durante case tres horas, e agradeceron aos representantes da administración autonómica a súa predisposición á hora de que ambas partes analizasen a situación do vial.

Os dirixentes municipais adiantaron que o Concello está disposto a asumir unha porcentaxe do orzamento que sería necesario para impulsar esta obra, a través dun convenio de colaboración similar ao que a Xunta xa firmou noutros concellos para levar a cabo actuacións semellantes.

Ademais, durante a reunión tamén se falou do proxecto de mellora da PO-308 que se realizará entre Fontenla e Combarro, ao cal o Concello de Poio presentou unha serie de alegacións que o ente autonómico está disposto a analizar e a ter en consideración.