Poio volve insistir a Sanidade para que "axilice ao máximo" a tramitación do novo centro de saúde

Poio
29 de marzo 2023

A concelleira de Sanidade, Marga Caldas, realizou unha intervención no Pleno ordinario deste mes de marzo na que insistiu en que o Concello está a dar "todos os pasos necesarios para que Poio conte nun futuro próximo cun centro de saúde con persoal e recursos suficientes para dar resposta ás necesidades da veciñanza"

Marga Caldas, no Pleno Concello de Poio

A concelleira de Sanidade de Poio, Marga Caldas, volve insistir á Consellería de Sanidade na necesidade de que "axilice ao máximo" a tramitación do futuro centro de saúde que construirá na localidade

Caldas realizou unha intervención no Pleno ordinario deste mes de marzo na que deu conta dos trámites que está a acometer o Concello de cara a facilitar a construción do futuro centro, insistindo en que a Administración local está a dar "todos os pasos necesarios para que Poio conte nun futuro próximo cun centro de saúde con persoal e recursos suficientes para dar resposta ás necesidades da veciñanza".

Na súa intervención, insistiu en que os tempos para a construción dependerán da Consellería de Sanidade, responsable da actuación. "Desde o Concello puxemos os terreos a disposición e enviamos toda a documentación requirida. Agora, confiamos en que os técnicos autonómicos revisen a zona o antes posible para concretar a segregación, se ben é certo que o feito de que exista un estudo topográfico previo facilitará o proceso".

En canto aos accesos, Caldas deixou claro que a prioridade será apostar por cesións de parcelas. "Entendemos que a prioridade debe ser negociar coas persoas propietarias", apuntou, ao tempo que lembrou que non existe ningunha vivenda afectada.

A concelleira de Sanidade confía en que a Xunta de Galicia "dea a prioridade que merece esta actuación" e redundou no compromiso por parte de Concello á hora de colaborar e cumprir "cos nosos deberes como Administración local".

Como tamén fixo xa nos últimos días ante a Mesa en Defensa dos Dereitos Sanitarios, a concelleira explicou que os técnicos municipais están analizando a mellor fórmula para completar o proceso urbanístico axeitado para a construción do futuro centro sanitario, que se emprazará nos terreos situados na Granxa, en San Xoán. 

Os terreos xa foron adquiridos polo Concello cun investimento de 300.000 euros e tamén acollerán outros equipamentos municipais.