Petición directa a José Flores, xerente da área sanitaria, para que aumente o número de facultativos en Poio

Poio
09 de outubro 2023

O representante do Sergas en Pontevedra participaba este luns na primeira xuntanza do Consello Local de Sanidade de Poio deste goberno e indicou que os tres centros sanitarios do municipio - Anafáns, Raxó e Combarro - teñen o 100% das prazas cubertas

José Flores, xerente da área sanitaria, durante a xuntanza do Consello Local pola Sanidade de Poio
José Flores, xerente da área sanitaria, durante a xuntanza do Consello Local pola Sanidade de Poio

José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, participaba este luns na primeira reunión do Consello Local de Sanidade deste goberno local que lidera Ángel Moldes no Concello de Poio.

Os representantes dos grupos municipais do PP e do BNG asistiron ao encontro e tamén membros das asociacións de Campelo, Raxó, Lourido e O Vao. 

Flores destacou que os tres centros sanitarios de Poio - Anafáns, Combarro e Raxó - contan co 100% das prazas cubertas. Asegurou que xa se detectan melloras na atención ao normalizar aos poucos as citas e xustificou os problemas que persisten nos atrasos provocados durante a ausencia dalgún dos facultativos.

Representantes dos colectivos solicitaron unha maior previsión para evitar que o consultorio de Raxó permaneza sen atención durante o verán. O xerente manifestou que, durante as próximas semanas, incorporarase o médico titular e adquiriu o compromiso de revisar a situación deste espazo médico para garantir a atención sanitaria nun lugar que experimenta un incremento de poboación nos meses de verán.

Ángel Moldes, que presidía o Consello, pediu un incremento do número de facultativos que atenden o municipio. Flores explicou que se atenderá esta petición cando se constrúa o novo centro de saúde.

Ese novo centro de saúde continúa pendente de que o Concello poña ao dispor do Sergas o solar que reúna as condicións de accesibilidade e espazos necesarios para a construción. O alcalde Ángel Moldes indicou que o goberno local estuda o custo da vía que se incluíu na proposta realizada polo goberno tripartito anterior. O rexedor expuxo que este vial foi proxectado nunha zona rochosa e con desnivel, polo que é preciso realizar catas para axustar o orzamento á obra prevista.