Protesta do BNG de Poio porque o goberno local do PP rexeita fretar buses para a manifestación pola sanidade pública

Poio
26 de xaneiro 2024

A formación nacionalista lamenta tamén que o goberno local de Poio se negue a convocar a Mesa da Sanidade do Concello para tratar as reivindicacións de mellora e os problemas relacionados coa atención sanitaria

Consultorio de Raxó, en Poio
Consultorio de Raxó, en Poio

O 7 de xaneiro presentaban un escrito formal por rexistro do Bloque Nacionalista Galego de Poio solicitando a convocatoria neste mes da Mesa dos Dereitos Sanitarios de Poio, un organismo que depende do Concello e no que se tratan os temas relacionados coa atención sanitaria no municipio.

Desde a formación nacionalista, a portavoz Marga Caldas xustifica esta petición en que a veciñanza segue sufrindo o "colapso" da sanidade pública. Explica que durante o Nadal se pecharon centros de saúde como o de Raxó ou o de Anafáns durante as tardes, obrigando aos pacientes para acudir ao PAC da Parda en Pontevedra ou a Urxencias de Montecelo, "que tamén estiveron colapsadas", apunta a representante do BNG.

Na última Comisión de Facenda, o alcalde Ángel Moldes, do Partido Popular, respondeu á petición da convocatoria da Mesa que non existía un problema sanitario en Poio na actualidade e que non entendía a necesidade desa solicitude. 

SEN AUTOBUSES PARA A PROTESTA

O BNG tamén indica que solicitou ao goberno local que se puxese ao dispor da veciñanza un autobús para asistir á manifestación que se celebrará o domingo 4 de febreiro en Santiago de Compostela para demandar a mellora da sanidade en Galicia.

O alcalde tamén se negou a establecer este servizo para que os residentes en Poio poidan acudir a esta protesta convocada por SOS Sanidade Pública. Marga Caldas indica que, durante o anterior mandato, si se fretaban autobuses para este tipo de actos.

Os nacionalistas entenden que o "Partido Popular de Poio está máis preocupado en facer campaña por Rueda o 18 de febreiro que en atender as necesidades dos nosos veciños e veciñas". Lembran que hai proxectos importantes paralizados no municipio como a construción do novo centro de saúde na Canteira de Graña.