A Policía Local de Poio fai balance da súa actividade o pasado ano, dende 9 arrestos a 205 obxectos perdidos

Poio
16 de febreiro 2025
Actualizado: 7:24

No ano 2024 houbo un total de 1.671 partes de intervención por requerimentos de veciños, e fixo 411 informes por solicitudes presentadas no Rexistro Municipal

A Policía Local de Poio inspecciona os vehículos destinados ao transporte escolar
A Policía Local de Poio inspecciona os vehículos destinados ao transporte escolar / Mónica Patxot

A Policía Local de Poio ven de publicar a súa memoria anual na que recolle as estatísticas dos servizos do ano 2024.

Os datos reflicten as numerosas funcións da Policía Local que van dende seguridade do tráfico, accidentes, atención cidadá, seguridade cidadá, medio ambiente, urbanismo, recollida de denuncias, policía administrativa, atención ao menor (Programa Axente Titor), protección de víctimas de violencia de xénero,  axuda humanitaria e asistencias, entre outras.

En 2024 a Policía Local do municipio procedeu a arrestar a nove persoas. Catro por delitos de violencia de xénero e violencia doméstica, dúas por atentados á autoridade, unha por ter unha orde xudicial de búsqueda, outra por roubo e unha persoa por condución temeraria.

No ano 2024 houbo un total de 1.671 partes de intervención por requerimentos de veciños, e fixo 411 informes por solicitudes presentadas no Rexistro Municipal.

Ademais, tiveron 12 penas de localización de persoas a solicitude dos Xulgados e 141 citacións de persoas para asistencias xudiciais.

En canto a anomalías do Concello, os axentes tramitaron un total de 176 incidencias, comunicando por escrito as deficiencias atopadas para dar solución por parte dos servicios municipais. Entre as máis significativas están as sinais deficientes, papeleiras rotas, baldosas perigosas, tapas de sumidoiros, anomalías de parques públicos, colocación de bolardos e  sinalización de marcas viarias, espellos mal orientados, entre outras.

En canto a ocupación de vía contabilizaron un total de 134 das cales a Policía Local ten que xestionar e informar das condición de utilización de vía aos solicitantes tanto empresas como particulares.

Sobre melloras de Seguridade Viaria, os axentes tramitaron o ano pasado, mais de 40 propostas de melloras de rúas, sentidos únicos, zonas peonís, delimitacións de prazas, creación de prazas para persoas con mobilidade reducida, zonas de servizos e cargas e descargas.

No tocante a obxectos perdidos houbo un total de 205, estos foron rexistrados na Xefatura  e xestionados para a localización dos seus propietarios e a súa entrega.

Tramitáronse 141 denuncias administrativas dirixidas á Subdelegación, ao Concello e a distintas Consellerias da Xunta de Galicia.

En relación ás denuncias administrativas de tráfico tramitáronse un total de 2.750 denuncias ao Oral da Deputación, e 368 a Dirección Xeral de Tráfico.

Hai que recordar que o cadro de persoal, na actualidade, conta con tan só 7 axentes en activo para os 17.425 habitantes de Poio.