Policías e gardas civís percorren as rúas de Sanxenxo para reclamar "a igual trabajo, igual sueldo"

Sanxenxo
05 de agosto 2018

A convocatoria foi secundada por decenas de persoas, entre axentes e as súas familias e amigos. Saíron as 20.00 horas deste sábado 4 de agosto de Portonovo e camiñaron pola estrada PO-308 ata a rotonda de entrada ao centro de Sanxenxo

Manifestación de policías e gardas civís convocada por Jusapol en Sanxenxo
Manifestación de policías e gardas civís convocada por Jusapol en Sanxenxo / Diego Torrado

Axentes da Policía Nacional e a Garda Civil integrados na plataforma Jusapol (Xustiza Salarial Policial) volveron saír á rúa este sábado. Tras meses sen mobilizacións públicas, persoas chegadas de toda a provincia déronse cita nun dos puntos das Rías Baixas nos que podían ter máis público, Sanxenxo, localidade turística que, como cada sábado de verán, estaba chea de veraneantes.

A cita foi ás 20.00 horas en Portonovo, unha hora á que a vaga de calor empezaba a dar unha tregua, pero na que as temperaturas máximas seguían sendo elevadas. Tras concentrarse á beira do paseo, encamiñaron pola estrada PO-308 ata a rotonda situada á entrada do centro de Sanxenxo. 

Varias decenas de persoas responderon á convocatoria de Jusapol, entre policías e gardas civís e os seus familiares e amigos. Todos compartiron unha mesma e única reivindicación, a mesma pola que esta plataforma leva meses loitando, a equiparación salarial dos axentes da Policía Nacional e a Garda Civil cos efectivos doutros corpos policiais autonómicos como os Mossos d'Esquadra. 

"A igual trabajo, igual sueldo. Equiparación de Policía y Guardia Civil con policía autonómicas", reclamaron na pancarta que encabezaba a marcha. Ademais, a práctica totalidade dos asistentes vestían camisetas reivindicativas de Jusapol e non faltaron as bandeiras de Jusapol, España, Galicia e mesmo Asturias na marcha.  

Durante todo o percorrido, autorizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra, estiveron acompañados por axentes de servizo da Policía Local de Sanxenxo, que regularon o tráfico ao paso da marcha.